quinta-feira, 23 de fevereiro de 2012

POSITIVA REUNIÓN DO ALCALDE CO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA


Ás 12,30 horas de onte, mércores 22 de febreiro, tivo lugar unha xuntanza entre o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Perez, que ambos cualificaron como moi cordial e positiva para a cidade de Tui e o seu municipio.
Esta entrevista que respondía a unha petición do rexedor tudense serviu para que ambos responsables políticos realizasen un repaso aos diversos temas relacionados coa actividade da Xunta de Galicia en Tui. Moisés Rodríguez agradece a especial atención prestada polo presidente Feijoo aos temas relacionados coa nosa cidade
Núñez Feijoo confirmoulle ao alcalde tudense a súa presenza na festa de San Telmo, presidindo a procesión coa que culminan as celebracións do patrón da cidade e diocese.
No decurso da xuntanza analizaron, entre outros, o proceso de licitación do novo Centro de Saúde de Tui, garantindo o presidente da Xunta que o proceso está avanzado, a pesar das dificultades económicas existentes, e este novo equipamento está realizado ao longo do presente mandato do alcalde tudense. Tamén repasaron a licitación da Escola Infantil, que axiña recibirá a preceptiva licenza municipal para dar comezo as obras.
O presidente da Xunta congratulouse pola recente sinatura do convenio de creación da Eurocidade comprometendo o apoio da Xunta de Galicia a este proceso, dado o seu interese para o traballo de cooperación transfronteirizo na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.
Comprometeu tamén Núñez Feijoo a colaboración da Xunta de Galicia para o mantemento e modernización da liña ferroviaria entre Vigo e Porto, tan importante para garantir a mobilidade neste área da Eurorrexión. Igualmente analizaron os avances no proceso de aval que o Igape estuda prestar á empresa tudense Nor-Rubber, no que a Consellería de Economía e Industria traballa con intensidade.
Outros temas abordados foron a necesaria colaboración en materia turística ente o Concello de Tui e a Xunta de Galicia, que levará, entre outras medidas, á creación dunha oficina de turismo unificada na nosa cidade. Tamén acordaron o apoio da Xunta de Galicia á solicitude que o Concello de Tui ten presentado diante do Ministerio de Fomento para a mellora da zona da antiga fronteira (Avenida de Portugal) que pola súa condición de entrada no noso país precisa unha remodelación urxente.
Finalmente analizaron a problemática da Vía de Alta Capacidade Tui – A Guarda e a súa conexión en Tui co Parque Empresarial de Areas. Diante da petición formulada polo alcalde tudense acordaron proceder á paralización do actual proxecto de acceso ao devandito Parque Empresarial (chamada alternativa F e que empregaría o actual acceso á Autovía) para buscar a mellor solución, tecnicamente posible e que cumpra todos os requirimentos en normativas de estradas, analizando a alternativa que propoñen os veciños. Foi comprometida unha vista do Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas xunto á Directora Xeral da Axencia Galega de Infraestruturas para analizar “in situ” as posibles alternativas.
O alcalde Rodríguez Pérez agradece a boa acollida do presidente da Xunta de Galicia ás diversas propostas presentadas polo Concello tudense e, especialmente, a súa decisión de analizar polo miúdo as diversas alternativas no acceso á VAC, para garantir que a decisión escollida resulte a mais idónea para todos: veciños e usuarios.

Sem comentários:

Enviar um comentário