quinta-feira, 9 de fevereiro de 2012

O FESTIVAL PLAY-DOC PRESENTA A MORPHINE NUN ÚNICO CONCERTO EN ESPAÑA



A mítica banda norteamericana ofrecerá un concerto en exclusiva o vindeiro 24 de marzo con motivo da celebración da oitava edición do Festival Internacional de Documentais de Tui.
Unha vez máis, a música en directo complementará a proposta cinematográfica do festival galego. A combinación de película máis concerto é xa todo un clásico en Play-Doc e unha das actividades que máis expectativas xera dentro da súa programación. Desta volta, e acompañando a un documental que conta a súa historia, Morphine, unha das bandas máis revolucionarias dos 90, ofrecerá un concerto único en España.
Formada en 1989 en Massachussets por Mark Sandman e Dana Colley, Morphine irrompeu en plena era do grunge cunha proposta absolutamente orixinal: un baixo de dúas cordas tocado como unha slide guitar, un saxo barítono e unha batería. Esta insólita e sobria combinación instrumental concibiu un son único e sensual que elevou a Morphine ao status de banda de culto nos EUA e en Europa, deixando unha pegada imborralle na historia do rock. A mestura de blues, rock e jazz deu lugar a un novo estilo musical, acuñado por eles mesmos como 'low rock'.
Morphine acadou innumerables éxitos con cancións como ‘Cure for Pain’, ‘Early to bed’, ‘Buena’ ou a trepidante ‘Honey White’, colleitando continuas louvanzas por parte da crítica. En 1999 e pouco despois da gravación do seu cuarto álbum 'Like Swimming', o carismático líder, vocalista, baixista e compositor Mark Sandman morría traxicamente durante un concerto en Italia, deixando ao mundo da música terriblemente conmocionado.
Para o seu concerto en Play-Doc a formación virá acompañada de Jeremy Lyons para presentar o seu novo disco ‘Members of Morphine and Jeremy Lyons’, unha homenaxe ao legado de Morphine, no que reinterpretan os seus grandes temas, así como novas creacións con sons máis próximos á psicodelia-rock e ao blues do delta del Mississippi.
Morphine actuará o sábado 24 de marzo na Sala Metropol de Tui.

Sem comentários:

Enviar um comentário