sexta-feira, 17 de fevereiro de 2012

AMPLA PRESENZA DO CINEMA GALEGO EN PLAY-DOC CON DEZ FILMES NA SELECCIÓN


Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui apoiou o cinema galego dende a súa primeira edición. Oito anos de difusión do mellor documental feito en Galicia, coa inclusión de Todos vós sodes capitáns a competición na pasada edición 2011, cinta finalmente considerada como a mellor polo xurado internacional. Nese afán de poñer ao mesmo nivel os grandes títulos da tempada nun ámbito internacional e os filmes máis destacados da produción galega, o festival seleccionou este ano Vikingland, de Xurxo Chirro, para a súa sección oficial.
A película, que rescata varias cintas de vídeo gravadas por un mariñeiro mercante da Guarda, é un documento histórico sen igual sobre a diáspora galega e o mundo do traballo, e así foi considerada, moi positivamente, en festivais coma os de Marsella ou Xixón, e partirá tamén en marzo ao FICUNAM de México. Chirro competirá con outros catro filmes polo premio ao mellor documental Play-Doc 2012, un galardón de 5.000 euros.
Ademais, Play-Doc seleccionou para a súa edición de 2012, que terá lugar do 21 ao 25 de marzo próximos, outros nove títulos galegos, a meirande parte deles incluídos nunha sección dedicada ao cinema galego, que recolle o mellor da tempada. Lois Patiño, centrado na exploración de paisaxes naturais nos seus últimos traballos, presentará Ecos del bosque, Na vibración da terra e Na vibración da auga; mentres que Ángel Santos dará a coñecer ao público do certame a súa serie Pantasmas, composta de momento por dous títulos que exploran os temas da memoria e a infancia, nun exercicio que ten algo de diario filmado. Estas dúas tendencias son as protagonistas dunha programación que se dará a coñecer por completo nas vindeiras semanas.
Completan esta sección as longas A muller do Eternauta, de Adán Aliada; e Tralas luces, de Sandra Sánchez. Ambas son historias de mulleres fortes e loitadoras. A primeira regresa á ditadura militar arxentina a través dos recordos de Elsa Sánchez, viúva de Héctor Germán Oesterheld, creador da famosa banda deseñada El Eternauta. Precisamente pola crítica política velada desta obra de ciencia-ficción, Sánchez tivo que ver como o réxime a separaba do seu marido e as súas catro fillas.
Pola súa banda, Tralas luces segue o periplo nómade por toda España de Lourdes, unha muller que traballa en feiras coa súa pista de coches de choque, baixo duras condicións.
Ademais, Play-Doc trae a Tui o 'work in progress' de Pela del Álamo e Víctor Hugo Seoane. O obradoiro Docs in Progress, unha iniciativa do festival para apoiar a creación audiovisual, xuntou en decembro de 2010 nunha casa rural a 10 cineastas, que discutiron ata avanzar nas montaxes dos seus respectivos filmes. Del Álamo e Seoane foron os representantes galegos, que agora presentan as versións case rematadas de N-VI e Lugares no tempo respectivamente. Mentres que a primeira é un retrato da carreteira do seu título, a segunda é unha achega persoal ao ambiente rural dos avós de Víctor Hugo Seoane.
Neste tempos de grandes recortes orzamentarios, Play-Doc fai chamamento ao público que desexe  olaborar co festival cunha axuda económica. A través da plataforma Play-Doc Support, á que se pode acceder dende a páxina web do festival, os seguidores do certame poden realizar achegas da cantidade que desexen e, a partires de 10 euros, obterán beneficios como descontos no concerto de Morphine ou unha acreditación especial que dá libre acceso a todas as actividades e proxeccións programadas nesta edición.

Sem comentários:

Enviar um comentário