O pasado venres, 10 de febreiro, o Alcalde de Tui xunto ao Presidente de Cámara Municipal de Valença asinaron oficialmente o protocolo de creación da eurocidade Tui-Valença ou Valença-Tui. Unha vella aspiración das administracións locais valenciana e tudense que finalmente foi acadada.
A creación desta entidade de cooperación resposta a unha histórica necesidade de ambas poboacións que, a pesares de atoparse na máis antiga fronteira europea, nunca se sentiron afastadas e historicamente comprobamos como a interrelación entre ambas comunidades locais foron de sempre intensas. A posición periférica de ambas cidades favoreceu que as directrices gobernamentais, emanadas das capitais do Estado, chegasen ata estas ribeiras cunha reducida efectividade.
Di o historiador Carlos Barros que esta fronteira mantivo un caracter medieval, non tanto pola súa conformación no século XIII, senón porque sempre conservou unha mobilidade social, cultural e económica, similar á existente na Galicia altomedieval. Unha condición que, con avatares diversos, temos conservado ata os tempos contemporáneos. Moitos exemplos poderiamos aportar como ao longo dos séculos perdurou esta intensa comunicación entre os miñotos galegos e portugueses, da que esta eurocidade que agora enceta o seu camiño é herdeira directa.
Citaremos un dos exemplos mais sobranceiros cando xa, a finais da Idade Media, a fronteira “legal” era nidiamente recoñecida por todos os habitantes das terras miñotas. Sen embargo, as políticas xa de caracter “nacional” que promoven as monarquías de Castela e Portugal, levan a que en 1455 o rei lusitano Afonso V ordeáselle ao Marqués de Valença e ao Conde de Ourém que dispoñan gardas fiscais que impidan a entrada en Portugal de mercancías prohibidas como era caso do gando, cabalos, armas, moedas, etc.
As protestas das vilas das ribeiras do Miño conseguiron que aos poucos anos, en 1462, o mesmo monarca conceda á cidade de Tui e as vilas galegas da fronteira do río Miño a posibilidade de comprar e vender nas feiras de Caminha, Cerveira, Valença... sen pagar tributos, como se fosen portugueses... Así o outorga o propio rei Afonso V na súa visita a Valença, do 30 de xuño ao 3 de xullo de 1462, permitindo a comercialización do pan, carne, viño e peixe procedente de Tui, confirmando un privilexio que, afirman os valencianos, era un costume xa antigo. Son as chamadas cartas ou costumes de veciñanza que o monarca lusitano concede ás vilas da ribeira do Miño, que intentan deste xeito subtraerse da presión dos axentes fiscais da Coroa, aínda que sen moito éxito.
Xa no ano 1459 o procurador de Vila Nova de Cerceira, Lourenço Guilham, proclamaba nas Cortes de Lisboa: “Senhor vosa alteza (saberá) que antre os moradores desta villa e termo com os galegos ha o rrio en meyos conversamos huus com os outros como irmaaos seendo casados huus com outros”.
Hoxe seguimos sendo herdeiros, as xentes de Valença e Tui, daquelas afirmacións. Esta conciencia dunha mesma identidade, dunha mesma condición está contida, por exemplo, no documento do acordo asinado en 1485, superados os dificiles tempos da “ocupación” dos Soutomaior sobre a cidade de Tui e das guerras de sucesión, sobre as barcas de pasaxes entre ambas cidades. Neste documento sinalase como “estrangeyro o (que) non seia vezinio da dita cidade nen vasalo do dito Sr. Obpo. nen vizinio de Valença nen do seu termo (...pois...) compre aboa vezinages de uns e dos outros”.
As positivas expectativas que agroman coa sinatura deste acordo de creación da eurocidade Tui – Valença oxalá poidan desenvolverse axeitadamente e non resulten frustradas, como nos tempos de finais da Idade Media, pola presión dos Estados e polas circunstancias históricas.
in Tudensia
Sem comentários:
Enviar um comentário