A Unidade Técnica do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ten enviado en días pasados ao Concello de Tui a documentación necesaria para a tramitación da correspondente licenza de construción da Escola Infantil de Tui que contará con cinco unidades e estará ubicada na rúa Colón da nosa cidade.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, anuncia a inmediata concesión da devandita licenza municipal, logo que os servizos técnicos do Concello supervisen o proxecto enviado, e como as obras desta Escola Infantil comezarán de seguido, cabe lembrar que o orzamento de licitación desta obra acadaba a cifra de 650.325,04 euros. O compromiso asumido polo Consorcio de que esta Escola Infantil estaría en funcionamento no vindeiro curso escolar 2012-2013 queda así confirmado pois o prazo de execución das obras é de seis meses como máximo.
Moisés Rodríguez Pérez, alcalde de Tui amosa a súa gran satisfacción por este anuncio que da cumprimento a unha vella aspiración do Concello de Tui que viña reclamando dende hai tempo a creación desta Escola Infantil. O rexedor tudense sinala que con este anuncio cúmprese un dos seus compromisos electorais.
No municipio de Tui existen na actualidade un total de 437 nenos e nenas entre 0 e 3 anos de idades e unicamente unha porcentaxe que se estima en arredor dun terzo accede na actualidade a unha praza nos centros existentes de titularidade privada. A creación deste centro público se enmarca dentro das políticas que promove o Concello de Tui para lograr a conciliación entre a vida familiar e laboral.
Moisés Rodríguez Pérez agradece á Consellería de Traballo e Benestar e ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar o interese posto neste proxecto de tanta importancia para a nosa cidade
Sem comentários:
Enviar um comentário