O pasado sábado, 11 de febreiro, tivo lugar en Tui unha xuntanza do comité organizador do 8º Congreso Internacional de Molinoloxía a celebrar na nosa cidade entre os días 28 e 30 de abril de 2012. Nesta reunión participaron membros de ACEM (Asociación para la Conservación y Estudios de los Molinos), de ASGAMUI (Asociación Galega de Amigos do Muíños), delegacións dos concellos de O Rosal, Meaño, A Guarda e outros colaboradores. Todos eles foron recibidos pola concelleira de cultura do Concello de Tui, Vanesa Rodríguez Pereira.
Ao longo da sesión quedaron definitivamente artellados os diversos comités do Congreso: o de Presidencia do Congreso, Comité Científico e o Comité Organizador, e foron perfilados diversos aspectos relativos á organización deste encontro etnográfico.
Todos os asistentes, especialmente os membros da Junta Directiva Nacional de ACEM, quedaron moi satisfeitos da elección da nosa cidade como sede deste Congreso, tanto polos equipamentos que o Concello de Tui pon á disposición deste evento, como polos recursos turísticos que oferta esta localidade e a súa bisbarra.
Este 8º Congreso Internacional de Molinoloxía está dedicado á “Innovación e ciencia no patrimonio etnográfico” e está aberto á participación de todas as persoas interesadas polo pasado, o presente e o futuro dos muíños, un elemento integrante do noso patrimonio cultural espallado por toda a nosa xeografía. Aínda está aberto o prazo para o envío de comunicacións a este Congreso de Molinoloxia así como de “posters”.
Para máis información e para realizar a inscrición no Congreso os interesados poden consultar a seguinte páxina web: www.asgamui.com/congreso
Para a concelleira de Cultura do Concello de Tui, Vanesa Rodríguez Pereira, a celebración deste 8º Congreso Internacional de Molinoloxía na nosa cidade é unha importante ocasión para achegarse ao mundo dos estudios etnográficos e testemuña o interese con que, dende este municipio, trabállase a prol do noso patrimonio cultural. Ao tempo este Congreso contará coa presenza de estudiosos e interesados no mundo da etnografía procedentes de toda a Península Ibérica que poderán coñecer tamén o importante patrimonio cultural que conserva a nosa cidade.
Sem comentários:
Enviar um comentário