A Mesa Local de Seguridade Cidadá do Concello de Tui reuniuse esta mañá de acordo ao compromiso adoptado polo Concello de Tui na última Xunta Local de Seguridade co subdelegado do goberno de manter reunións periódicas. A Mesa Local estivo presidida polo alcalde, Moisés Rodríguez e formaron parte da mesma o Capitán da Garda Civil, Gerardo Calvo, o sarxento da Garda Civil, José Luís Gallego, o Xefe da Policía Local de Tui, José Ramírez e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Ángel Gutiérrez.
Oito foron os puntos tratados de acordo á orde do día da reunión. O alcalde, Moisés Rodríguez, cualificaba a reunión de “moi satisfactoria”. Na mesma incidiuse na coordinación en distintos ámbitos entre a Garda Civil e a Policía Local, que xa existe na actualidade e que se trata de reforzar para obter mellores resultados.
Entre os puntos tratados estivo a evolución da delincuencia no termo municipal de Tui. Segundo o capitán da Garda Civil, Gerardo Calvo, rexistrouse unha evolución positiva comparando o primeiro trimestre de 2011 e 2012. Así o número de delitos pasou de 88 o ano pasado a 34 neste ano. Unha cifras que agarda sigan evolucionando á baixa. Mentres no que a faltas se refire cometéronse 80 en 2011 e 79 este ano. Aquí explicaba Gerardo Calvo que a penas houbo variación pola peculiaridade de celebrarse o mercadiño semanal onde se producen algúns furtos, aínda así expuña que a materia pendente é baixar o número de faltas que se producen. En canto ao nivel de esclarecemento explicaba que mantén unha boa progresión pasando dun 19,5% o ano pasado e 17,5% este ano.
Por outra parte, segundo o acordado esta mañá, tanto a Garda Civil coma a Policía Local realizarán unha campaña de prevención nos centros escolares do municipio para evitar o consumo de drogas. Para iso van intensificar a vixilancia nos arredores dos colexios e institutos e amais organizaranse charlas para sensibilizar tanto aos pais coma aos docentes sobre este tema. Neste asunto querían lanzar unha mensaxe de tranquilidade porque o capitán da Garda Civil explicaba que nestes momentos “non hai constancia de consumo en colexios, senón que se actúa de xeito preventivo”. Na campaña de prevención, segundo o alcalde, tamén se implicarán os distintos departamentos dos Servizos Sociais tudenses.
Tamén a prevención é o obxectivo do Plan de actuación en materia de espectáculos públicos, actividades recreativas, horarios de peche, consumo de bebidas alcohólicas e presenza de menores previsto para evitar a presenza de menores en locais consumindo alcohol ou tabaco. O edil de Seguridade Cidadá, Ángel Gutiérrez, facía fincapé amais en que se fará un control exhaustivo dos horarios de peche e do acceso dos menores aos locais. Explicaba que en breve será aprobada unha ordenanza que recollerá precisamente os horarios de peche. E por outra parte para facilitar as tarefas da Policía Local e Garda Civil cruzaranse os datos de número de licenzas, tipo de licenza e horario de peche dos distintos locais de ocio.
No mesmo ámbito incidirá o Plan de actuación sobre o consumo de drogas e substancias psicotrópicas en zonas de ocio, vías públicas e establecementos públicos. Nese caso as forzas de seguridade establecerán verificacións puntuais para controlar estes espazos sobre todo de cara á época estival.
Nesta reunión da Mesa Local de Seguridade Cidadá analizouse tamén a seguridade vial no termo municipal, concluíndo que en Tui a seguridade é boa pero mellorable. O Xefe da Policía Local, José Ramírez, citaba a melloría experimentada na Avenida da Concordia tras a instalación dos pasos de peóns elevados, onde os accidentes se reduciron nun 80%. Salientaba amais que tamén baixou a gravidade dos mesmos que agora rexistran feridos leves ou de prognóstico reservado ou danos materiais. Para seguir mellorando estudarán semaforizar distintos puntos.
O último punto tratado foi a elaboración dun Plan de Emerxencia Local que contemple coma debe ser a coordinación entre as distintas forzas de seguridade e emerxencias en caso de necesidade. Nese senso o alcalde explicaba que Tui é unha zona tranquila pero na que hai que ter en contra posibles fugas de gas, a EDAR de Guillarei, o tránsito aéreo cara ao aeroporto de Vigo, o tráfico ferroviario ou o río.
De agora en diante a Mesa Local de Seguridade reunirase de xeito periódico para analizar o seguimento destas cuestións e tratar outras novas que poidan xurdir, sobre todo encamiñadas a mellora da coordinación entre a Garda Civil e a Policía Local que redunde na mellora da seguridade cidadá.
Sem comentários:
Enviar um comentário