Mañá mércores comeza a exposición pública da aprobación inicial do PEPCH de Tui, logo de que hoxe apareza publicado no DOG o anuncio desta información pública.
O Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico do Concello de Tui foi aprobado inicialmente pola Xunta de Goberno local, na sesión celebrada o 22 de marzo de 2012. A partir de mañá someterase a información pública polo prazo de dous meses, nos que se poderán formular as alegacións e reclamacións.
O anuncio publicado hoxe no DOG recolle tamén que queda suspendido o outorgamento de licenzas de obras de mellora, rehabilitación e consolidación, agás as de mera conservación e as necesarias para o mantemento do uso preexistente nas parcelas en que o Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico aprobado inicialmente estableza a seguinte ordenación: Volume fóra de ordenación; cuberta fóra de ordenación, xardín de bordo, xardín interior e patio interior.
Tampouco se poderán outorgar licenzas nas parcelas en que o Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico aprobado inicialmente estableza como ordenación volume novo.
O documento da aprobación do PECH poderá consultarse a partir de mañá, e durante dous meses, ata o 11 de xuño, na sala de concelleiros do Concello de Tui. Amais dous dúas á semana o equipo redactor atenderá neste lugar aos interesados en horario de 9 a 14h. A próxima semana ao ser o luns festivo local, o equipo redactor atenderá o martes e xoves de 9 a 14h. As seguintes semanas a atención ao público polo equipo redactor será os luns e xoves de 9 a 14h.
O concelleiro do Conxunto Histórico, Nicolás Lorenzo, convida aos veciños a achegarse ao concello para consultar o documento aprobado inicialmente, e así coa colaboración de todos lograr o mellor Plan. Apuntaba que o PEPCH está feito coa pretensión de “conservar e potenciar o conxunto histórico” baixo tres premisas básicas “seguridade xurídica, transparencia e accesibilidade” como se poderá comprobar agora nos dous meses de exposición ao público.
Pola súa parte o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, lembra que a exposición pública do PEPCH foi notificada a todos propietarios desta zona, para que así tanto eles coma toda a cidadanía poida dar o seu parecer sobre o planeamento e presentar as suxestións que consideren oportunas. O obxectivo, segundo Moisés Rodríguez, é que “este sexa un plan de todos”, engadindo que dous meses “é tempo suficiente” para poder examinar o plan, contando amais dúas veces á semana coa presenza do equipo redactor en Tui para poder atender aos veciños.
Sem comentários:
Enviar um comentário