terça-feira, 17 de abril de 2012

Morfoloxía urbana na fronteira: Tui e Valença


Tui e Valença configúranse como a cross-border town máis antiga da Europa. Isto é, que a fronteira política ten marcado un urbanismo singular, a un lado e ao outro do Miño. Pero iso non quere dicir que o urbanismo de Tui de non mediar unha fronteira histórico-política polo medio non tivese superado o Miño no seu proceso de crecemento. Afinais do século XII é fundada Contrasta, que durante o século XIII será rebautizada como Valença. As circunstancias político-militares do seu nacemento veranse superadas pola súa pervivencia e polo tanto a amosar a importancia económico-social do territorio no que se insire.
Tui, como cidade episcopal que era, estaba a desenvolver un proceso urbano na Alta Idade Media semellante a outras cidades centroeuropeas como Colonia ou Treveris. Estamos perante os restos dunha cidade romana que mantén a súa condición polo asento episcopal pero xa cunha poboación esparexida en diferentes núcleos. É por iso que Tui na Alta Idade Media resulta ser polinuclear e converterase en evidente cando o rei Fernando II concentre á meirande parte da poboación nun núcleo arredor da Catedral en 1170. A Catedral convírtese no núcleo principal pero existían outros centrados en edificios relixiosos como o mosteiro de San Bartolomeu ou a parroquia de San Xoán de Porto. A estos núcleos debemos sumar outro no lado oposto do río Miño, o mosteiro de Ganfei. Temos que considerar que o proceso evolutivo das urbes medievais centroeuropeas foi o de aglutinar os mosteiros e igrexas próximas nun gran núcleo urbano, incluso aquelas que ficaban no paso contrario dos grandes ríos navegables. O desenvolvemento urbano baixomedieval de Tui ficou truncado coa consolidación da fronteira ao longo do século XIII e a fundación de Valença como emprazamento defensivo para gardalo territorio portugués.
Non podemos falar de desenrolos urbanos independentes senón que ligados dun xeito moi estreito. A barca de pasaxe do río entre Valença e Tui aportaba a normalidade das relacións económico-sociais durante séculos. A Ponte de ferro no século XIX sustituirá ás vellas barcas e afondará na continuidade urbana do territorio malia a esa presenza da fronteira.
A Ponte Internacional vai ser planificada en 1879 e aberto o seu paso en 1886. Está claro que a Ponte supón o lazo máis forte entres as dúas localidades, no plano físico e económico-social, pero con anterioridade á súa construcción a percepción de unidade entre Valença e Tui era xa moi clara, tanto que nas reivindicacións intelectuais da época é reclamada a Ponte como feito de reparar unha inxustiza histórica.
Polo tanto a percepción de unión entre Tui e Valença non é algo que apareza como a obra da Ponte. Aínda máis. Un dos problemas que teñen Tui e Valença é o de fixar uns referentes patrimoniais propios xa que fican sempre sumidos na globalidade do conxunto Tui-Miño-Valença. Isto xa era percibido desde antigo. Duarte D'Armas en 1509 realizará os deseños das fortificacións da fronteira entre Portugal e Castela, o único deseño que aparecerá un espazo urbano non portugués será o de Tui e Valença. No século XIX será constante nas imaxes de Tui ou Valença o binomio que forman ambas localidades. No século XX, o inglés Edgar Wigram retratará Tui e Valença dentro das súas viaxes polo norte peninsular en 1906. E por suposto as fotografías e tarxetas postais que se popularizarán nese século XX o grande rasgo que transmiten será o da continuidade de Tui e Valença.
A Ponte polo tanto non se percibe como a referencia que permite a continuidade urbana de Valença e Tui senón a que consolida a súa morfoloxía mellorando a comunicación entre ambas ribeiras. A Ponte malia ser fronteira, e polo tanto co seu concepto excluinte, non foi percibida como tal pola poboación. Convertirase nun referente urbano e como tal integrado na mentalidade da xente. Deste xeito temos a visión fotográfica ao longo do século XX dun espazo de tranquilidade e lecer fomentado polas formas da Ponte e a súa conexión visual cos baluartes valencianos.
A Ponte Internacional sería neste senso o fin dun longo proceso urbano. Se as condicións estratéxicas de Tui no económico e no social como centro dunha rexión histórica (o bispado entre Lima e Verduxo-Oitavén) estaba a xestar unha morfoloxía urbana parella a outras que se concretaron en centroeuropa, a fronteira no Miño no século XII-XIII acabou transformando aquela nun orixinal plano urbano que se reflicte hoxe na paisaxe cultural de Tui e Valença.
in FORO TVDE

Sem comentários:

Enviar um comentário