Este sábado comezan oficialmente as Festas na honra a San Pedro González Telmo en Tui. Ás sete da tarde no Teatro Municipal desenvolverase o acto solemne de proclamación e coroación das raíñas e as súas damas de honra, que ata o próximo luns 16 de abril, serán as encargadas de representar a poboación tudense nos festexos.
A raíña infantil deste ano é Blanca Alfaya Buján, que estará acompañada como damas de honra por María Rodríguez Oya e Beatriz Cerqueira de Dias e Fontes. Mentres o cargo de raíña xuvenil corresponde a Blanca Leirós Jiménez, acompañada por Nerea Míguez Viana e María González Sales.
Tras a coroación terá lugar a lectura do pregón a cargo do padeeiro tudense, Manuel Garrido Barbosa, tres veces campión do mundo de maratón en c1 sub-23. O acto contará tamén coa intervención do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e do presidente da Comisión de Festas. A Banda de Gaitas de Paramos será a encargada de abrir e pechar este acto. A entrada é gratuíta ata completar o aforamento.
Por outra parte o domingo a partir das seis da tarde o Teatro Municipal será o escenario do Festival Folclórico Festas de San Telmo. No mesmo van participar os grupos folclóricos “Santa Columba” de Ribadelouro, “Seixos Albos” de Areas, “Inquedanzas” de Pazos de Reis, “O Mosteiro” de Pexegueiro, “Xuntanza” de Randufe e “San Fins” de Rebordáns. A entrada é gratuíta.
Sem comentários:
Enviar um comentário