quinta-feira, 12 de abril de 2012

Os Xigantes e Cabezudos en San Telmo



Tras case vinte anos de ausencia os xigantes e cabezudos volven esta fin de semana a estar presentes nas festas patronais de Tui. Tras un proceso de restauración contrareloxo o Rei e a Raíña volverán danzar polas rúas tudense coincidindo cos festexos na honra a San Telmo.
Aínda que non se coñece a data exacta estímase que foi en 1993 a última vez os xigantes se puideron ver en Tui. Daquela, a falta de portadores, estaban expostos na Praza da Inmaculada. A concellería de Cultura de Tui apostou este ano por recuperar esta tradición, e tras localizar aos dous xigantes e algúns cabezudos na nave do Concello en Guillarei, comezou o seu proceso de restauración. Rosa González Rodríguez de Citania foi a responsable de reparar os desperfectos que o tempo fixo tanto nas cabezas coma nas mans do Rei e da Raíña, estando esta moito máis deteriorada, tivo incluso que recuperar dous dedos dunha man que lle faltaban a un deles. O traxe da raíña tivo que ser realizado completamente de novo por Carmen Rodríguez, mentres que o do Rei estaba en perfecto estado. Amais persoal municipal acometeu a tarefa de renovar a estrutura interna dos xigantes que estaba afectada pola polilla. 
Estimase que a Raíña é a mais antiga dos dous xigantes xa que no seu interior atopouse un recorte dun xornal de decembro de 1956. Parece ser que esta figura foi feita integramente en Tui. Mentres non se coñece a data na que puido ser adquirido o Rei.
Os dous xigantes teñen unha altura de catro metros dos que 50 centímetros corresponden á cabeza.  Serán portandos este ano por dous membros da Asociación Cultural de Malvas, Manuel Rial e Alberto Rodríguez, que terán a difícil tarefa de soportar os 60 quilos que pesa en conxunto a estrutura, manter o equilibro dos catro metros de porte que ten cada figura e amais facelos bailar polas rúas tudenses.  Estarán acompañados por sete cabezudos. Dous deles, un xuíz e un cura, foron tamén restaurados por Rosa González Rodríguez que a comezos dos noventa impartira un curso na Escola Obradoiro de Restauración onde se construíran estes cabezudos. Os outros cinco foron prestados pola comparsa Cantos Somos que os levou no ano 2009 no Entroido. Os cabezudos serán portados tamén por membros da Asociación Cultural de Malvas.
Xigantes e cabezudos sairán este domingo ás once da mañá dende a Área Panorámica xunto ao desfile de traxes rexionais. E logo o luns a partir das doce farán un pasarrúas xunto á Banda de Gaitas de Paramos.
A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, amosa a súa satisfacción por ter recuperado os xigantes e cabezudos para as festas de San Telmo. Tamén quere agradecer o traballo realizado, en tempo record, por todos aqueles que colaboraron na súa restauración.

Sem comentários:

Enviar um comentário