segunda-feira, 2 de abril de 2012

O CONCELLO DE TUI RECEPCIONA AS OBRAS DE SANEAMENTO EN RIBADELOURO E NUN BARRIO DE REBORDÁNS



O alcalde de Tui recepcionou, o pasado venres, da empresa pública Augas de Galicia dúas importantes obras relacionadas coa rede de saneamento do noso concello e que supuxeron un investimento de aproximadamente 740.000 euros na parroquia de Ribadelouro e nun barrio de Rebordáns garantindo a conexión á rede de saneamento xeral de cerca do 99% desta parroquia tudense de Ribadelouro.
En concreto, as obras recibidas polo Concello de Tui son as comprendidas no chamado “Colector Xeral de San Simón”, que supuxo a execución de colectores, bombeos e conexións á rede de saneamento xeral dos barrios de:  Oia, Cotarel, San Simón, Porto de Bouzas, Gándara, Eiravella, barrio da Madalena, A Costa,  Mallón,  (na parroquia de Ribadelouro) e no barrio de Paredes ( na inmediata parroquia de Rebordáns) . O importe total de execución das obras foi 737.663,45€.
Para o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, a recepción destas obras é unha magnifica noticia para o noso concello, pois avanzamos solidamente en acadar un saneamento integral do noso municipio. Unha vez recepcionadas estas obras,  xa está operativa a rede de saneamento que abrangue ao 99% da zona de Ribadelouro, podendo proceder os veciños a solicitar a correspondente autorización municipal para verter na rede municipal de saneamento nas zonas indicadas anteriormente. 
Deste xeito o noso municipio é un dos concellos da provincia cunha máis ampla rede de saneamento o que testemuña o importante esforzo realizado tanto polo Concello como pola Xunta de Galicia, neste caso, a través de Augas de Galicia. Moisés Rodríguez Pérez agradece especialmente a colaboración realizada por numerosos veciños destas parroquias que facilitaron a realización das obras precisas para acadar esta rede de saneamento.

Sem comentários:

Enviar um comentário