A inscrición para a Carreira de San Telmo aberta ata o mércores 11 de abril. A proba terá lugar o domingo 15 con saída e chegada na Corredoira
O domingo 15 de abril vaise celebrar a vixésimo novena Carreira Popular de San Telmo organizada polo Club Atletismo Tui-Thermalia coa colaboración do Concello de Tui.
Este evento deportivo foi presentado esta mañá polo concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, o responsable de prensa do Club Atletismo Tui-Thermalia, Justi Peixoto, e o presidente da Comisión de Festas, Francisco Javier Rodríguez.
Nicolás Lorenzo salientaba na súa intervención que a carreira de San Telmo é “un dos eventos máis importantes e máis representativo das festas”. Por outra parte apuntaba que tras facerse cargo da súa organización o ano pasado o Club de Atletismo a carreira deu un salto tanto cualitativo como cuantitativo. Motivo polo que felicitaba aos organizadores, lembrándose ao tempo de quen organizou a carreira en anos precedentes.
Mencionaba o edil de Deportes o bo momento polo que pasa o atletismo local con títulos galegos e nacionais, e indicaba que esta carreira vai servir de primeiro exame para a proba de 10 mil metros que se vai celebrar o 17 de xuño entre Tui e Valença, e que no seu parecer está chamada en poucos anos a converterse nunha das máis importantes do calendario galego.
Pola súa banda Justi Peixoto desculpaba a ausencia do presidente do club por motivos laborais. Falaba a continuación da corta pero exitosa traxectoria do Atletismo Tui-Thermalia que en ano e medio reúne a máis de 60 atletas, con presenzas destacadas en carreira como a Vig-Bay, ou medallas en campionatos tanto nacionais coma galegos. Tamén salientaba a organización da Carreira popular de San Telmo o ano pasado, reto que volven asumir nesta ocasión buscando mellorar aínda máis a proba tras o impulso dado en 2011, cando contaron con 700 participantes.
Xa con respecto á carreira deste ano salientaba que se trata dun circuíto urbano que terá a liña de saída e de meta no Paseo da Corredoira. A primeira carreira, ás 10.30h, será a de xuvenís, seniors e veteranos terán que completar un percorrido de 7 mil metros. Infantís e cadetes farán 2.500 metros, alevíns 900, benxamíns 600, prebenxamíns 400 e os pitufos 200 metros, competindo ás 13h.
A inscrición é gratuíta e debe facerse ata o mércores, 11 de abril, ás doce da noite, na web www.atletismotui.es, non pudendo realizarse o mesmo día da proba en ningunha das categorías. Os participantes iso sí para recoller o dorsal deberán entregar o día da proba un quilo de calquera alimento non perecedoiro que organización doará logo a un colectivo de axuda aos necesitados.
Nestes momento contan xa con 130 inscritos, entre eles a atleta tudense subcampiona de España, Leticia Fernández, e o propio concelleiro de Deportes.
Justi Peixoto tamén se refería ao 10 mil previsto para xuño, indicando que é un gran reto, e unha proba que está a levantar moitas expectativas por ser atractiva pola distancia e por celebrarse entre dous países. Ao igual que o concelleiro tamén aposta porque nuns anos se converta nun referente.
Sem comentários:
Enviar um comentário