sexta-feira, 27 de abril de 2012

Tui acolle o 8ª Congreso de Molinoloxía con 120 participantes


Cento vinte persoas van participar esta fin de semana en Tui no oitavo Congreso Internacional de Molinoloxía que vai ter dous obxectivos principais por unha parte potenciar os estudos de investigación neste campo, e por outra potenciar o traballo que se está a realizar de recuperación dos muíños por parte de administracións públicas e asociacións.  Tamén pretende darlle un rango científico a cultura popular dos muíños. O congreso está promovido pola Asociación para a Conservación e Estudo dos Muíños e organizado pola Asociación Galega de Amigos dos Muíños contando coa colaboración do Concello de Tui.
Este congreso foi presentado esta mañá polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura e Educación, Vanesa Rodríguez, o deputado Pablo Baquero, o presidente da Asociación Galega de Amigos dos Muíños e do Comité Organizador, Xabier Lores, o presidente do comité científico do congreso e profesor da Universidade de Vigo, Rafael Vallejo.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salientou a aposta que se fai por Tui como cidade cultura e tamén de congresos, xa que conta cunhas magníficas instalacións.  Tamén aludiu ao importante esforzo que o concello está a facer para seguir recuperando o patrimonio etnográfico.
Mentres a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, referiuse tamén a aposta que se fai dende o concello pola recuperación do patrimonio etnográfico, indicando que nos orzamentos deste ano vai unha partida para recuperar máis muíños da senda do río Tripes. Nese senso aludía ao éxito da festa dos Nosos Fariñeiros celebrada este fin de semana.
O deputado Pablo Baquero salientou a implicación da Deputación de Pontevedra neste congreso felicitando aos organizadores polo seu traballo. Agradecía que se celebre en Tui o que nas súas palabras “é un valor engadido para os muíños da comarca”.
Xabier Lores, presidente da Asociación de Amigos dos Muíños e responsable do Congreso, explicaba que o primeiro congreso de molinoloxía se celebrou en 1995 en Santiago,e volve agora a Galicia con esta edición en Tui.  Avanzaba que esta fin de semana participarán 120 etnógrafos, arquitectos, e estudosos de España, México, Italia e Portugal. Salientaba o interese que esta cita suscitou entre o entorno asociativo porque é unha oportunidade de expor os traballos de investigación.
Mentres Rafael Vallejo, responsable  do comité científico salientaba a calidade das comunicacións que chegan de 22 provincias e 12 comunidades autónomas.  Engadía que se trata de comunicacións moi traballadas e elaboradas, que se editarán nun cd con ISBN que se entregará no propio congreso.  Remataba explicando que o congreso vai “contribuír a coñecer, divulgar e conciencia da importancia dun patrimonio tan importante coma os muíños”.
A inauguración do Congreso terá lugar o sábado ás 9.30h no Teatro Municipal e a clausura será o luns pola tarde tamén no Teatro. As ponencias terán lugar na Sala Félix Rodríguez e están abertas ao público en xeral.
Establécense tamén actividades paralelas para os acompañantes dos congresistas con visitas ao conxunto histórico de Tui, á fortaleza de Valença, e a ruta dos muíños do río Tripes.  Amais o próximo martes, 1 de maio, o concello do Rosal organiza para os interesados unha visita aos muíños do Folón e o Picón.

Sem comentários:

Enviar um comentário