Dende o pasado xoves 5 de abril – Xoves Santo- iniciou de novo o seu funcionamento a Oficina Municipal de Turismo ubicada no Paseo da Corredoira de Tui e atendida por dúas bolseiras que contratadas polo Concello de Tui contan cunha subvención do Patronato de Turismo “Rías Baixas” da Deputación Provincial de Pontevedra.
Deste xeito estará diariamente a disposición de turistas e visitantes esta Oficina Municipal de Turismo que, cabe lembrar, nos oito meses de funcionamento do pasado ano 2011 atendeu a un total de 30.039 visitas, destas 24.803 foron nacionais, e 5.236 internacionais, existindo entre eles un número total de 3.036 peregrinos no seu paso polo Camiño de Santiago portugués.
A apertura deste oficina, en palabras do alcalde tudense – Moisés Rodríguez Pérez-, é un elemento imprescindible no traballo de promoción turística da nosa cidade pois ofrece aos seus usuarios non xa información sobre os recursos turísticos da nosa cidade e a súa comarca, senón que promove outras actividades de difusión e información a través das redes sociais, asesoramento a empresas e establecementos de hostalería, etc. Destaca o esforzo realizado para lograr a posta en funcionamento desta Oficina na Semana Santa e para as inmediatas Festas de San Telmo, proporcionando un lugar de atención aos visitantes que se achegan onda Tui nestas xornadas.
Moisés Rodríguez amosa, por outra banda, a súa sorpresa diante das declaracións do BNG tudense que, nunha nova oportunidade, patentiza o seu descoñecemento da realidade tudense, ao reclamar a apertura desta Oficina Municipal de Turismo na mesma xornada en que está abriu as súas portas. Descoñecemento tamén da vida municipal, pois, cun mínimo seguimento da actividade do Concello, sabería que estaba en marcha o proceso de selección de bolseiros/as para esta Oficina.
Descoñecemento, ou tentativa de engano a opinión pública, continúa o rexedor tudense, é falar de inoperancia e incapacidade en materia de turismo cando nestes meses, gracias ao traballo do goberno municipal, o Concello de Tui, conxuntamente co municipio de Valença, ten participado, por exemplo, na feira de turismo Expogalaecia, ou ten presentado, por vez primeira, a súa oferta de turismo en Fitur ou na BTL de Lisboa, as dúas feiras de turismo máis importantes que se celebran na Península Ibérica.
O Alcalde sinala tamén que o Concello de Tui está estudando unha reubicación desta Oficina Municipal de Turismo, para que poida dispoñer dunhas instalacións máis axeitadas para levar adiante as súas funcións e que se pretende ocupe un lugar emblemático da nosa cidade, confiando que en breve prazo culminen positivamente as xestións iniciadas.
Sem comentários:
Enviar um comentário