quinta-feira, 5 de abril de 2012

Preto de 60 actores participan na IV Semana do teatro afeccionado de San Telmo

Por cuarto ano consecutivo o Teatro Municipal de Tui acolle coincidindo coas Festas de San Telmo a Semana do Teatro Afeccionado organizada pola Concellería de Cultura. 
Esta IV Semana foi presentada esta mañá polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez e un representante de cada grupo teatral tudense: Mela Álvarez do grupo Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui, José Urceira do grupo Mesturanzas da Asociación Seixos Albos de Areas, Mónica Madarnás do grupo Caldemiños de Caldelas, Miguel Pazo do grupo de Aloia de Pazos de Reis, Marita Giráldez directora do grupo infantil Garabullada de Randufe, e Cristina Fernández do grupo San Fins de Rebordáns.
A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, destacaba na súa intervención que para o concello é unha honra poder contar con estes seis grupos de teatro no municipio. Salientaba coma novidade con respecto a edicións anteriores a incorporación dun novo grupo, o de Pazos de Reis, co que as representacións serán de luns a sábado. 
O alcalde de Tui pola súa parte salientaba que “é un orgullo que siga habendo novas xeracións de rapaces e rapazas que estean fomentando a canteira do teatro, porque é fundamental”. Isto, engadía, é un exemplo de “cultura activa”. O mandatario tudense animaba ao público a acudir á Área Panorámica durante esta IV Semana.
As representacións comezarán o próximo luns ás 21h co grupo Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui que porá en escena “Extraños hábitos”. Unha obra que ten coma protagonista a un mozo que convida a unha muller a súa casa, e aí comeza un enredo moi cómico. O martes, ás 21h, actuará o grupo Mesturanzas da Asociación Seixos Albos de Areas coa obra “A pousadeira” de Carlos Goldoni e traduciza ao galego por Cándido Pazó. O mércores, ás 21h,  será a quenda de Caldemiños de Caldelas con “Nin mortos nin ricos senón todo o contrario”.  E o xoves, tamén ás 21h, actuará o grupo Aloia de Pazos de Reis con “A avoa volve casar” que fala dunha muller que logo de enviuvar volve casar o seu amor da xuventude. 
O venres a cita será ás 20h da man do grupo infantil Garabullada da Asociación Xuntanza de Randufe con  “El cerco de las escobas”., Será representada por dez cativos con idades entre os 5 e os 12 anos.  E por último o sábado, tamén ás 20h, o grupo San Fins de Rebordáns leva a escena “Ovellas negras”, unha obra moi divertida protagonizada por unha familia moi peculiar.
As entradas sen numerar, poranse á venda media hora antes de cada función ao prezo de 1€.
IV Semana de Teatro Afeccionado de San Telmo
Do luns 9 ao sábado 14 de abril de 2012
No Teatro Municipal de Tui
Luns 9 ás 21h 
“Atalaia” do Centro Sociocomunitario de Tui
“EXTRAÑOS HÁBITOS”
Martes 10 ás 21h
“Mesturanzas” da Asoc. Seixos Albos de  Areas
“A POUSADEIRA” 
Mércores 11 ás 21h
“Caldemiños” da Asoc. A Insúa de Caldelas
“NIN MORTOS NIN RICOS, SENÓN TODO O CONTRARIO” 
Xoves 12 ás 21h
“Aloia” da Asoc. “Aloia” de Pazos de Reis
“A AVOA VOLVE CASAR”
Venres 13 ás 20h
“Garabullada Teatro” da Asoc. “Xuntanza” de Randufe
“EL CERCO DE LAS ESCOBAS”
Sábado 14 ás 20h
“San Fins” da Asoc. “San Fins” de Rebordáns
“OVELLAS NEGRAS”
Venda de entradas, sen numerar,  media hora antes do comezo da función no despacho de billetes ao prezo de 1€. 

Sem comentários:

Enviar um comentário