Haberá dúas funcións, ás 17.30h e ás 19h, co aforamento limitado a 100 espectadores
Este venres, 13 de maio, o Teatro Municipal de Tui acolle dobre función da obra de teatro para bebés “Zapatos ” da man de Caramuxo Teatro . Esta obra pecha a programación do primeiro semestre do ano neste espazo escénico.
A primeira das funcións será ás 17.30h e a segunda ás 19h estando o aforamento limitado en cada unha delas a 100 espectadores que sentarán no propio escenario. Conta cunha duración de 30 minutos e vai dirixida a nenos de 1 a 4 anos.
“Zapatos” transcorre nun recuncho dun xardín fantástico onde viven os zapatos, de todas as tallas e todas as cores, que xa non teñen dono. Unha rapaza é a encargada de darlles a benvida e coidalos nun lugar cheo de maxia onde comparten as historias que levan dentro.
En 2003 naceu na Coruña Caramuxo Teatro dirixida por Juan Rodríguez e Laura Sarasola. Crea espectáculos poéticos e visuais para gozar en familia, mesturando distintas técnicas, teatro de actor, monicreques, danza… Crean producións de calidade considerando aspectos didácticos a nivel cultural e artístico.
As entradas teñen un prezo de 3€ e 2€. Están á venda en www.culturatui.info ata o venres ás 12h ou o venres no despacho de billetes dende as 16:45h e ata ás 17:30h para a función das 17.30h; e de 18:15h a 19:00h para a función das 19h.
Sem comentários:
Enviar um comentário