A proba de natación sairá dende a praia da Mariña de Tui ás 16h. Haberá restriccións no tráfico dende ás 15.30h en diversas rúas
Este sábado, 28 de maio, o Concello de Tui volverá a acoller a saída do Triatlón Tui- O Porriño, que nesta cuarta edición contará con máis de 300 participantes.
Ás 16.00 horas darase a saída da proba de natación dende a praia da Mariña de Tui, ao carón da Comandancia Naval do Miño, onde os deportistas realizarán o percorrido de 750 metros nadando polo río Miño.
O aparcamento do Paseo Fluvial Telmo albergará a zona de transición entre a natación e o sector de bicicleta, percorrendo os ciclistas as rúas Antero Rubín, Coengo Valiño, Calzada, Arraial, San Bartolomé, Loureiro, Camiño de Barros e Senda de Barros, para cruzar a antiga Nacional 550, e dirixirse cara ao Porriño pola estrada PO-342 sentido Ribadelouro. Estas zonas estarán pechadas ao tráfico dende as 15.30 horas. Os ciclistas percorrerán un total de 20,2 quilómetros ata O Porriño.
Por último, o sector de carreira a pé realizarase integramente no Porriño, realizando os participantes un percorrido de 5 quilómetros.
O Concello de Tui solicita a colaboración aos veciños e veciñas das rúas por onde discorre a proba, dado que o circuíto permanecerá pechado entre as 15.30 e as 18.00 horas. Ao tempo agradece a colaboración dos voluntarios dos clubs tudenses e da Policía Local de Tui.
Sem comentários:
Enviar um comentário