Arestora execútanse obras no Montiño e este ano realizaranse tamén en Caldelas. Cada ano melloraranse dous espazos e manteranse todos os existentes
A mellora dos parques infantís do municipio é un dos obxectivos fixados polo goberno municipal de Tui apostando pola renovación deste espazos así coma polo seu mantemento. Así se recolle no Plan de Rehabilitación e Melllora dos Parques Infantís realizado que prevé a remodelación total dos mesmos ao longo de varias anualidades.
Arestora estanse a executar obras de reforma do parque infantil do Montiño en Rebordáns, que estarán rematadas nas próxima semanas. Un novo firme con pavimento de seguridade e novos elementos de xogo renovarán totalmente este espazo tras o investimento de 26.494,86 euros ao abeiro do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación de Pontevedra de 2015.
A comezos de ano foi executado xa o proxecto de ampliación e remodelación do parque infantil do Penedo que supuxo un investimento de máis de 40 mil euros. Tras as obras realizadas este espazo de xogo ampliouse pasando de 144m2 a 285m2 na actualidade, instalándose pavimento amortiguante de seguridade rematado en céspede artificial. Foron substituídos e mellorados os xogos infantís con torres, tobogáns, columpios, algúns deles adaptados para cativos de 2 a 6 anos. Amais todo o entorno do parque foi pechado en madeira.
Para este ano 2016 está previsto tamén a execución do proxecto de mellora do parque infantil de Caldelas, e en próximas anualidades iranse executando dous novos proxectos por ano, amais de levar a cabo o mantemento periódico dos mesmos, garantindo así que os nenos poidan xogar en condicións de seguridade.
Sem comentários:
Enviar um comentário