segunda-feira, 5 de novembro de 2012

A EXPOSICIÓN ITINERANTE “GALICIA: CONSERVANDO A NATUREZA” ACHÉGASE A TUI ESTA SEMANA


Ao longo da presente semana estará aberta ao público a exposición itinerante  “Galicia conservando a natureza”. Esta mostra organizada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia pretende que os galegos e galegas coñezan os principais valores ambientais e patrimoniais que fixeron merecedores da protección aos diferentes espazos naturais. Ademais, esta exposición pretende sensibilizarnos a todos da importancia que teñen os espazos naturais protexidos para a conservación da nosa biodiversidade, un patrimonio único e irrepetible, que temos a obriga de preservar para as xeracións futuras.
Rías, bosques, montañas, ríos, canóns, lagoas, illas, praias, dunas, matogueiras, esteiros..., unha gran variedade de ambientes que debuxan unha paisaxe única en Galicia. Unha paisaxe que non se pode comprender sen a presenza humana desde hai milleiros de anos, e que tamén deixou a súa pegada a través dun rico patrimonio cultural e etnográfico.
Para protexer esta riqueza natural, Galicia conta cunha rede de espazos naturais que é o reflexo desa variedade de hábitats e especies que compoñen a nosa xeografía, unha rede de espazos naturais que está integrada por bosques, montañas, ríos, lagoas, marismas, cantís, illas..., que axuda á conservación da biodiversidade que atesouramos no noso territorio. No noso municipio contamos co Parque Natural do Monte Aloia o primeiro declarado na nosa Comunidade Autónoma.
Seguindo a tendencia doutros países e comunidades do noso contorno, a superficie protexida en Galicia foi aumentando progresivamente nos últimos anos, estando hoxe en día por riba do 12% do noso territorio. Esta superficie protexida está cuberta baixo varias figuras de protección, acordes aos valores de cada espazo natural: parque nacional, parque natural, monumento natural, humidal protexido, ZEPA, Lugar de Importancia Comunitaria...
A exposición consta de paneis fotográficos e informativos, diversos xogos e material didáctico audiovisual, polo que vai dirixida especialmente a estudantes de primaria, secundaria e bacharelato, estando prevista a realización de visitas guiadas para aqueles centros educativos que así o teñen solicitado.
Con esta nova mostra a Concellería de Cultura tudense continúa ofrecendo neste espazo expositivo unha nova mostra que amplía o abano de exposicións que, ao longo do anos, ocupan esta Sala con moi diversas temáticas.

Sem comentários:

Enviar um comentário