A rede CEDIM lanza unha campaña para fomentar a conciliación da vida familiar, persoal e laboral das mulleres (+Conciliación)x(+Igualdade)= + Competitividade.
O obxectivo da campaña é informar das vantaxes que permite a conciliación laboral das mulleres, facilitando o seu acceso aos postos de traballo e aproveitando así as indubidables calidades que poden aportar ás empresas. Por outra banda, tamén se pretende fomentar exemplos de boas prácticas por parte das empresas que axuden a compatibilizar o traballo remunerado das mulleres coa atención das súas responsabilidades persoais e familiares.
A Concelleira Delegada da Área de Muller do Concello de Tui, Olga Montes Moldes, destaca a importancia destas iniciativas para poder acadar a igualdade de condicións entre homes e mulleres que permitan a incorporación da muller ao mundo laboral e que tamén pretenden impulsar a corresponsabilidade de homes e mulleres na atención das responsabilidades familiares e domésticas.
CEDIM (Centros de Dinamización Integral para as Mulleres) é un proxecto europeo cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional a través do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, que pretende promover redes de cooperación transfronteiriza de ámbito municipal entre Galicia e o norte de Portugal e dotar á zona da raia de mellores recursos en materia de igualdade, para aproveitar sinerxías que poidan mellorar a situación da poboación feminina, especialmente no eido da formación e do emprego. No proxecto CEDIM participa a Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia e colabora o Concello de Tui.
Sem comentários:
Enviar um comentário