quinta-feira, 8 de novembro de 2012

Teatro do Atlántico presenta en Tui a comedia “E.R.” Será mañá venres ás 21.30h no Teatro Municipal


O  Teatro Municipal de Tui acolle mañá venres ás 21.30h a representación de “E.R.”(Algún día traballaremos xuntas) por parte de Teatro do Atlántico.  A obra, escrita por Josep M. Benet, está dirixida por Xulio Lago e interpretada por Manuela Varela, María Barcala, Luisa Merelas e Susana Dans.
“E.R.” parte da visita que unha estudante de Arte Dramática realiza a tres veteranas profesionais, que na súa xuventude foron discípulas de Encarna Ribera, para preparar un papel que ten que interpretar relacionado coa biografía desta grandísima actriz e profesora xa desaparecida.
As veteranas actrices, tres mulleres maduras, posúen cada unha a súa verdade sobre E.R e o sucedido ao redor dela. E complementando esas tres verdades, a envexa e o rancor transitan xuntamente coa tenrura e o afecto tinxindo de matices unha paleta emocional complexa e conmovedora.
A estudante de Arte Dramática remata nun labirinto tras atopar unha mesma historia emitida con diferentes ópticas entre risas e bágoas por tres mulleres que cun mesmo punto de partida tomaron camiños diferentes en función da súa diferente maneira de entender a vida e a arte.
Teatro do Atlántico constituíuse en 1985 da man de María Barcala e Xúlio Lago. Ata o momento leva realizadas 27 producións, entre as que destacan "Casa de Bonecas", de Ibsen, "A noite das Tríbades" de Olov Enquist, "Amor de don Perlimplin con Belisa no Xardín", de García Lorca, "O cerco de Leningrado", de Sanchis Sinisterra, "O encoro", de Conor McPherson, "A raíña da beleza de Leenane", de Martín McDonagh , "Unha primavera para Aldara", de Teresa Moure ou "Memoria de Helena e María", de Roberto Salgueiro.
As súas producións teñen realizado xiras por case todas as autonomías, con participación en numerosos festivais nacionais e internacionais de teatro.
As entradas para o “E.R.”(Algún día traballaremos xuntas) están xa á venda na web www.culturatui.info ata mañá venres ás 13h, ou se poden mercan tamén o mañá dende ás 20h no despacho de  billetes ao prezo de 5€ e 3€.
Teatro do Atlántico con “E.R.”
Data: Venres, 9 de novembro, ás 21.30h
Lugar: No Teatro Municipal de Tui
Entradas: Á venda na web www.culturatui.info ata o venres ás 13h, ou no despacho de billetes o venres dende ás 20h do comezo ao prezo de 5€ e 3€.

Sem comentários:

Enviar um comentário