segunda-feira, 12 de novembro de 2012

O CEDIM de Tui organiza, en colaboracion coa Área de Muller do Concello de Tui, un obradoiro de emprendemento feminino


A acción formativa está destinada a mulleres desempregadas ao obxecto de favorecer a súa motivación para iniciarse na actividade emprendedora
O Centro Transfronteirizo de Dinamización Integral para as Mulleres (CEDIM) de Tui vai ofrecer un obradoiro para a xeración de proxectos de emprendemento feminino durante os días  26, 28 e 30 de Novembro de 20012. A iniciativa, enmarcada no proxecto CEDIM, está liderada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, e ten carácter gratuíto para as asistentes.
Durante as sesións, abordaranse, entre outras cuestións, as diferentes fórmulas de autoemprego e os apoios e axudas existentes, co obxectivo de fortalecer o potencial das mulleres no desenvolvemento de proxectos empresariais rendibles. O obradoiro está concibido como un espazo de formación dirixido a mulleres desempregadas ou interesadas na posta en marcha de iniciativas de autoemprego como posibilidade de acceso ao mercado laboral.
Trátase de presentar o autoemprego como unha opción de acceso ao mercado laboral, ao tempo que se melloran as competencias das mulleres para o emprendemento. Complementariamente, ofrecerase información das diferentes fórmulas de autoemprego, con especial atención ao cooperativismo, dando a coñecer os apoios e axudas dirixidas a este tipo de proxectos empresariais.
As persoas interesadas poden obter máis información e inscribirse ata o día 22 de Novembro, ben de xeito presencial, no Centro de Dinamización Integral para as Mulleres de Tui, ben no teléfono 986.600.296 ou a través do correo electrónico cedimtui@gmail.com.
A  concelleira Delegada da Área de Muller do Concello de Tui, Olga Montes Moldes, destaca a importancia das iniciativas a nivel laboral, como o autoemprego ou o cooperativismo, de cara a integración social e laboral das mulleres, e anima ás mulleres desempregadas de Tui a que participen neste Obradoiro de Emprendemento.
CEDIM é un proxecto europeo cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional a través do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 que pretende promover redes de cooperación transfronteiriza de ámbito municipal entre Galicia e o norte de Portugal e dotar á zona da raia de mellores recursos en materia de igualdade dunha forma coordinada, para aproveitar sinerxías que poidan mellorar a situación das mulleres, especialmente no que se refire á formación e o emprego.

Sem comentários:

Enviar um comentário