terça-feira, 6 de novembro de 2012

A OFICINA MUNICIPAL DE TURISMO ATENDEU 3.650 CONSULTAS NO PASADO MES DE OUTUBRO


A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui atendeu ao longo do pasado mes de outubro un total de 3.650 consultas nas súas dependencias da Praza de San Fernando xunto á Catedral tudense. Destes turistas atendidos 2.567 eran de procedencia nacional e 1.083  estranxeiros que visitaban a nosa cidade.
Da análise dos datos estatísticos achegados pola Oficina de Turismo de Tui comprobamos que na afluencia de visitantes españois destacan principalmente os galegos con 488, seguidos dos orixinarios da Comunidade de Madrid con 471, Andalucía con 327 e Castela e León con 303. Pola súa banda, nos procedentes doutos países salienta Portugal con 422 visitantes e Alemaña con 228 con Francia con 75 e Italia con 47 persoas.
Estes datos estatísticos contrastan amplamente cos datos do pasado ano 2011 onde o número de consultas atendidas na Oficina de Turismo acadara a cifra de  2.309 visitantes (1909 españois e 400 estranxeiros). 
Deste número de consultas cómpre tamén destacar que 840 eran peregrinos que realizaba o Camiño de Santiago, e deles 180 eran españois e 660 estranxeiros, cuxa principal orixe era Portugal con 280 peregrinos e Alemaña con 158. Tamén o incremento de peregrinos atendidos é notable verbo do pasado ano 2011 no que se rexistraran unicamente 219 peregrinos (97 procedentes de España e 122 doutros países).  Este dato se confirma cos 2.263 peregrinos que recibiron a “Compostela” o pasado mes de outubro tras realizar o camiño portugués, iniciando na nosa cidade o seu itinerario 615 peregrinos.
Para a concelleira de turismo do Concello de Tui, Raquel Lorenzo Pimentel, o novo emprazamento desta Oficina Municipal de Turismo nun enclave estratéxico xunto á catedral tudense favorece o incremento do número de visitantes deste servizo municipal, pero cómpre non esquecer que asistimos a un proceso constante, que testemuñan as estatísticas mensuais deste Oficina de Turismo, de consolidación da nosa cidade como un destino turístico elixido cada día por un maior número de visitantes.

Sem comentários:

Enviar um comentário