terça-feira, 13 de novembro de 2012

Máis de cen parellas participarán no IV Trofeo Concello de Tui de Baile Deportivo


Este domingo, 18 de novembro, vaise celebrar no novo pavillón de deportes o IV Trofeo Concello de Tui de Baile Deportivo organizado polo Concello de Tui e a Academia de Baile Pasos. 
Esta proba foi presentada hoxe polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo e o responsable da Academia Pasos, Miguel Abreu, acompañados polo edil José Ángel Villaverde.
O Trofeo comezará a partir da unha do mediodía participando no mesma máis dun centenar de parellas que competirán nas modalidades estándar e latino, divididos en distintas categorías en función da idade e do nivel da parella.  O prezo da entrada é de 6€. A inscrición para os competidores está aberta ata mañá mércores.
O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, agradeceu a Miguel Abreu o seu interese por celebrar este Trofeo en Tui. Ao tempo avanzou que o ano que vén tentarán que esta competición forme parte das actividades da Eurocidade, tendo en conta que o 25% das parellas veñen de Portugal. Tamén plantexou coma obxectivo crear unha Escola Municipal de Baile Deportivo. 
Miguel Abreu explicou que na competición daranse cita dende nenos de 4 ou 5 anos ata persoas que superan os 60 anos de idade.  Haberá un bloque dedicado aos bailes estándar: vals inglés, tango europeo, vals vienés, slow fox e quickstep; e outro para bailes latinos como rumba bolero, cha cha chá, jive, pasodobre e samba. Estarán en Tui este domingo os campións de España Adrián e Patricia e os de Portugal Sergio e Rita, xunto a outras parellas que tamén teñen un alto nivel en Galicia. Agardan unha boa resposta por parte do público e superar as máis de 700 persoas que acudiron á edición do ano pasado. O mellor momento para gozar do espectáculo será a partir das 16h.
Miguel Abreu fixo referencia tamén a posibilidade no futuro de facer unha competición puntuable para o ranking tanto español como portugués co que se podería triplicar a participación e habería que facer o trofeo en dous ou tres días. Este é un proxecto, que dicía, haberá que estudar con calma. 
Por último o alcalde, Moisés Rodríguez, explicaba que queda un longo percorrido por andar no que hai que explotar a forza e a potencia que ten a Eurocidade. Recomendaba ao público achegarse o domingo ata o novo pavillón de Deportes para gozar dun espectáculo impresionante e moi visual.

Sem comentários:

Enviar um comentário