quarta-feira, 21 de novembro de 2012

O CONCELLO DE TUI PROMOVE A MELLORA DO ACCESO E DO CONTORNO DA IGREXA DE SAN DOMINGOS


O Concello de Tui iniciará en breves días as obras de mellora do acceso e do contorno da Igrexa de San Domingos, un dos principais referentes do patrimonio monumental tudense. A obra xa foi adxudicada cun investimento a cargo dos fondos municipais de 10.776,97€. 
A obra a realizar pretende a mellora da accesibilidade ao templo e o acondicionamento da zona que se atopa na parte frontal da igrexa de San Domingos (espazo comprendido entre o adro e a beirarrúa), para potenciar toda a contorna liberándoa de mobiliario urbano e de automóbiles (zona de aparcadoiro). O obxecto é a realización dunha pequena zona verde (dúas parterres), situadas cada unha a ambos os dous lados da prolongación do  corredor central (tamén a realizar) que une o acceso á igrexa coa beirarrúa.
Así, realizarase as seguintes intervencións:
- creación de dúas parterres, delimitadas polo propio corredor, a beirarrúa de granito exterior e mediante un bordo de granito ao camiño de acceso lateral.
- Corredor central realizado en laxas de granito. Seguindo a disposición do corredor actual do adro.
- Instalación de rego.
- Colocación de pilonas, para impedir o estacionamento sobre as zonas de céspede.
Para o responsable da concellería do conxunto histórico, Nicolás Lorenzo Montes, esta intervención busca embelecer o acceso a esta igrexa gótica e que conserva no seu interior un importante conxunto escultórico de época barroca, representado polos dous espectaculares retablos do século XVIII: o central obra de Antonio del Villar e o retablo lateral dedicado á Nosa Señora do Rosario é coñecido popularmente como da “Batalla de Lepanto” pola singular representación iconográfica deste acontecemento bélico.
Esta intervención da continuidade  a outras actuacións promovidas polo goberno municipal tudense para mellorar a accesibilidade aos diversos enclaves patrimoniais da cidade, como foi o caso –hai algúns meses- da instalación no acceso ao adro da igrexa de San Telmo de diversos pivotes de pedra que impiden o estacionamento de vehículos que dificultaban a entrada a aquel visitado lugar. O goberno municipal valora outras novas actuacións que favorezan a humanización desta zona monumental para facilitar o lecer e a  visita dos numerosos visitantes que percorren as nosa rúas.

Sem comentários:

Enviar um comentário