quinta-feira, 9 de agosto de 2012

A empresa CLECE será a encargada de prestar en Tui o servizo de axuda no fogar


A empresa CLECE S.A será a encargada de prestar o servizo de axuda no fogar no Concello de Tui. Isto é así logo de que se veña de completar o proceso de contratación deste servizo na modalidade de dependentes valorados e prestación básica coa sinatura do contrato por un importe máximo anual de 158.986,11 €
O cometido desta empresa co Servizo de Axuda no Fogar será a atención de persoas dependentes valoradas, persoas con discapacidade, persoas con minusvalía, familias con problemáticas, atención a menores, como complemento o programa de educación familiar. Tamén se prestará a persoas ou colectivos en situación de risco de exclusión social, ou fraxilidade cando así o determine de forma excepcional o informe técnico. O requisito que deberán cumprir todos eles é o de residir no Concello de Tui. 
O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) é un programa enmarcado nos Servizos Sociais Comunitarios, que forma parte dun sistema integrado de Servizos Sociais de carácter complementario e transitorio que non exime a familia de responsabilidades, con planificación, coordinación e control público, que ofrece un conxunto de atencións dende unha perspectiva integral e normalizadora dentro do propio domicilio con carácter preventivo, educativo e rehabilitador, e que se presta a través de persoal especializado.
O SAF desenvolve unha labor  preventiva, asistencial e rehabilitadora, sen substituír ao usuario/a no que poida facer de por si, para non lle causar dependencia en lugar de autonomía, e sen substituír á familia na súa responsabilidade senón, pola contra estimulando a atención desta cara ó usuario/a.
En todo caso e en cumprimento da normativa vixente darase prioridade de acceso ás persoas que teñan un dereito recoñecido dentro do sistema establecido pola Lei 39/2006 do 14 de decembro de Promoción da autonomía Persoal e atención as persoas en situación de dependencia.
Na actualidade Tui está acollidas a este Servizo de Axuda no Fogar un total de 19 unidades familiares, aínda que este número é variable. 
A concelleira de Servizos Sociais, Olga Montes, pon de relevo a importancia de continuar prestando este servizo no municipio, tal e coma se ven facendo nos últimos anos. Engade que o mesmo prestarase de luns a domingo de 7h a 22h, e os beneficiarios para acceder ao mesmo deben cumprir cos requisitos establecidos na ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar do Concello de Tui.  Lembra que a solicitude de ao acollemento ao SAF debe realizarse nos Servizos Sociais do Concello de Tui. 
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, lembra que este servizo se sostén co copago dos usuarios, variando o importe que deben aportar en función dos seus ingresos, sendo nalgún dos casos completamente gratuíto para os beneficiarios. Lembra amais o mandatario municipal que o servizo é financiado polo concello de Tui e a Xunta de Galicia ao través do Cofinanciamento  dos servizos sociais comunitarios municipais.

Sem comentários:

Enviar um comentário