quinta-feira, 16 de agosto de 2012

Máis de 1.100 padeeiros participan esta fin de semana en Tui o Campionato de España de Maratón de Piragüismo


Tui vai a ser esta fin de semana o centro de atención no mundo do piragüismo a nivel nacional ao disputarse na cidade o Campionato de España de Maratón. Esta proba terá lugar o sábado de 9 a 21h e o domingo de 9 a 14h en augas do río Miño nun circuíto entre a desembocadura do río Louro e a vella Ponte Internacional. Amais haberá unha zona de porteo fronte ás instalacións do Centro Interfederado de Remo e Piragüismo, onde se situará tamén a liña de saída e de meta. Prevese unha participación record de máis de 1.100 padeeiros nesta regata en Tui.
O Campionato de España de Maratón foi presentado esta maña na Deputación de Pontevedra polo presidente provincial, o alcalde de Tui, a deputada de Deportes, o concelleiro de Deportes, os presidentes das Federacións española e galega de piragüismo e o presidente do Club Kaiak Tudense. 
O presidente do Kaiak Tudense, Esteban Alonso, destacou a participación record que vai haber esta fin de semana no Campionato con 547 barcos, 721 deportistas ao que haberá que sumar ao redor de 400 en veteranos, pertencentes a 15 autonomías e 92 clubs de toda España. Concluía Esteban Alonso que esta proba de Tui vai ser a actividade de piragüismo con maior participación de Galicia e unha das maiores a nivel nacional. O presidente do Kaiak Tudense agarda que sexa un gran espectáculo que conte con gran resposta por parte do público.
Pola súa banda o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, destacou na súa intervención que este Campionato de Maratón será o cumio dunha gran temporada, ao tempo que agradecía o apoio por parte do Concello de Tui a esta proba, así como de outras institucións. 
Mentres o presidente da Federación Española de Piragüismo, Juan José Román, deu conta de que a participación desta fi nde semana supera toda sas previsións posibles. Salientaba o bo momento que atravesa o piragüismo sobre todo despois dos Xogos Olímpicos de Londres.
Por último o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, destacaba na súa intervención que este evento deportivo “é un exemplo de que cando colaboramos todos as cousas saen adiante”. Engadía que “en Tui somos un referente no piragüismo e nos deportes de río” sinalando que a celebración na cidade deste campionato “é unha aposta e un reto”.  O rexedor tudense manifestaba tamén que “é importante seguir pondo en valor a pista natural que temos” destacando o gran potencial deportivo pero tamén turístico do Miño.
Por último o presidente da Deputación, Rafael Louzán, desexou que o Campionato sexa un éxito xa que a proba será un espectáculo que vai converter a Tui “na capital do piragüismo no sur de Galicia”.
A competición será moi espectacular porque en todo momento haberá embarcacións na auga, xa que a saída nas distintas modalidades realizase con a penas un par de minutos de diferenza. O circuíto ten unha lonxitude de 4,3km e función da categoría realizarán entre 12,9 e 30,1 quilómetros.  A zona de porteo ten unha distancia cercana aos 200 metros e será moi espectacular. 
Os dous primeiros clasificados en cada unha das categorías será seleccionado para participar o 22 e 23 de setembro no Campionato do Mundo de Maratón que se vai celebrar en Roma. 
A nivel local os favoritos na categoría senior son en k1 Iván Alonso, quinto do Mundo en 2011 en Singapur, que fará dobrete e participará tamén en k2 xunto a Emilio Merchán. En c1 Manuel Garrido, tres veces campión do Mundo en sub-23, buscará o pase a Roma xa na categoría absoluta. Amais Ana Varela e Carla Pérez en k2, e os xemelgos Daniel e David Costa Bouza en c2 contan tamén con claras opcións de podio.

Sem comentários:

Enviar um comentário