quinta-feira, 23 de agosto de 2012

Mañá inauguración dunha exposición de radios antigas na zona anexo da Sala Municipal de Exposicións


Mañá venres 24 de agosto ás 20,30 horas terá lugar na zona anexo da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui a inauguración da exposición de aparatos antigos de radio. Trátase dunha escolma da ampla colección do coleccionista portugués Luís Silva que presenta en Tui unha mostra que reúne 67 aparatos que abrangue un período temporal entre 1920 e 1950.
A colección do bracarense Luis Silva reúne ata dous exemplares de aparatos de radios, algúns xa case centenarios pero que testemuña a vitalidade deste medio de comunicación que ao longo de todo o século vinte foi mellorando na calidade técnica e mesmo estética dos seus aparatos receptores.
Esta exposición chega ata Tui a iniciativa da Asociación de Escleroses Múltiple (Avempo) co obxectivo de divulgar as súas actividades e iniciativas de solidariedade cos afectados con esta enfermidade.
Con esta nova exposición continúa avanzando a programación deste espazo expositivo tudense que achega agora esta interesante mostra. Para a concelleira responsable, Vanesa Rodríguez Pereira, con esta nova exposición que estará en Tui ata mediados do vindeiro mes de setembro preténdese o achegamento ao mundo das radio antigas que suscitan o interese de moitos afeccionados ao coleccionismo e cando menos a curiosidade do público.

Sem comentários:

Enviar um comentário