Mañá venres, ás 21h, terá lugar no Centro Municipal de Piragüismo de Tui o acto polo que esta instalación deportiva vai recibir o nome do olímpico tudense Enrique Míguez. Dáse así cumprimento así ao acordo plenario adoptado o pasado mes de xullo.
Enrique Míguez Gómez, membro do Club Kayak Tudense, estivo presente en tres Xogos Olímpicos. En Los Ángeles 84 onde logrou a medalla de bronce en c2 500 metros, e participou tamén en Seúl 88 e Barcelona 92.
O acto será presidido polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, contando coa presenza do concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, outros membros da corporación, así coma do actual presidente do Club Kayak Tudense, Esteban Alonso. Foron convidados tamén os expresidentes do Club Kayak.
Enrique Míguez participou en tres Xogos Olímpicos, obtendo a medalla de bronce nos do ano 1984: Los Ángeles´84 (3º en C2 500m e 6º en C2 1000m) e foi semifinalista tanto nos Xogos de Seúl´88 (participou en C2 500m), como nos de Barcelona´92 (participou en C2 500m). Míguez participou en oito Campionatos do Mundo, nos Xogos do Mediterráneo onde acadou en Atenas a medalla de prata en C2 500 m e nos de París, a medalla de ouro en C1 100 m e de prata en C1 500 metros. Posúe 22 títulos nacionais e 10 galegos.
Pero a traxectoria deportiva deste tudense, quen o pasado mes de maio recibiu a Medalla ao Mérito Deportivo Galego, continua agora na categoría de veterano onde continua sumando títulos, e como exemplo a pasada fin de semana venceu no Descenso do Miño en c1 veterano.
Para o deporte tudense a figura de Enrique Míguez é un referente tanto polos seus numerosos éxitos deportivos como polo seu labor como adestrador do Club Kaiak Tudense.
Sem comentários:
Enviar um comentário