Nestas xornadas o persoal municipal, concretamente o Grupo Municipal de Intervención Rápida, está a proceder a unha intervención para a limpeza do treito do Camiño de Santiago que discorre polo Concello de Tui. Con esta actuación, a primeira acometida por este Grupo, o goberno municipal tudense testemuña o seu compromiso de conservación do roteiro xacobeo que é cada ano percorrido por un número máis amplo de peregrinos que realizan este camiño portugués.
O rexedor tudense sinala a importancia que o fenómeno da peregrinación xacobea posúe para a cidade de Tui conformando un dos principais elementos de identidade da nosa cidade que dende os primeiros tempos do culto xacobeo acolle o paso dos peregrinos. Na actualidade este camiño portugués é a segunda ruta empregada polos peregrinos que acoden ao sartego apostólico e conforma un itinerario histórico que é apreciado polos peregrinos pola beleza das súas paisaxes e monumentos.
Con esta intervención de limpeza o Concello agarda favorecer o paso dos peregrinos contribuíndo a que esta ruta de peregrinación estea en óptimas condicións para o seu paso.
Sem comentários:
Enviar um comentário