quarta-feira, 8 de agosto de 2012

Case 8 mil persoas pasaron pola Oficina Municipal de Turismo de Tui durante o mes de xullo


A Oficina Municipal de Turismo de Tui recibiu ao longo do pasado mes de xullo 7.954 consultas por parte de turistas que se achegaron ata a cidade. Desde total 6.717 eran cidadáns nacionais e 1.237 eran estranxeiros. 
Estes datos supoñen un incremento en 1.624 consultas con respecto aos datos rexistrados no mesmo mes de 2011, cando 6.330 persoas pasaron pola oficina municipal. 
No mes de xullo o día de maior afluencia a este punto de información turística foi o 25 de xullo cando 433 persoas pasaron por este lugar, e o de menor afluencia foi o 1 de xullo con 116 consultas. 
En canto a procedencia a maior parte dos nacionais que visitan Tui proceden de Madrid, con 1.475 consultas, seguidos de Andalucía con 997,  Galicia con 700 e Castela León con 604. Xa no que se refire aos turistas estranxeiros os portugueses están á cabeza con 281 consultas, seguidos de franceses con 170 e alemáns con 159. Ata a Oficina Municipal achegáronse turistas de case corenta nacionalidades. 
Dos case 8 mil persoas que pasaron pola Oficina de Turismo só 661 pernoctaron na cidade, decantándose a meirande parte por hoteis da cidade, seguido de peregrinos, a área de autocaravanas, e por último casas rurais. 
Durante o mes de xullo rexistráronse amais 860 demandas de información por parte de peregrinos que facían o Camiño Portugués a Santiago. Deste total 649 eran nacionais, principalmente de Andalucía, Madrid e País Vasco, e 211 estranxeiros maioritariamente de Alemaña, Italia, Reino Unido e Portugal.
Durante o mes de xuño houbo 3.538 consultas na Oficina Municipal das que 2.603 foron realizadas por cidadáns nacionais e 935 por estranxeiros.
A concelleira de Turismo de Tui, Raquel Lorenzo, destaca o importante número de turistas que se achegaron ata Tui durante o pasado mes de xullo. Indica que o traballo realizado neste eido, coa promoción de Tui en feiras internacionais e ao través da redes sociais, comeza a dar ao seu froito.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, avanza que os turistas que se achegan ata Tui en poucos días serán recibidos na nova Oficina Municipal de Turismo,  na Praza de San Fernando, cunhas instalacións moito máis axeitadas o que permitirá brindarlles un mellor servizo. 

Sem comentários:

Enviar um comentário