O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, recibiu onte, xoves 16 de agosto, na Casa do Concello de Tui ao tenente de Alcalde do municipio alemán de Versmold, Horst Hardiek, que se achegou ata o Concello tudense no decurso dunha viaxe de carácter privado por terras de Galicia.
No breve encontro mantido ambos responsables municipais realizaron un repaso aos trámites que teñen realizado no proceso xa iniciado para a sinatura dun acordo de irmandade entre ambas localidades, unidas pola presenza naquela localidade xermana dunha ampla comunidade de emigrantes procedentes dalgunhas parroquias de Tui, nomeadamente Paramos. Recentemente o Pleno da Corporación Municipal de Tui aprobou o protocolo deste acordo de irmandade, un proceso que tamén están levando adiante nos órganos municipais de Versmold.
Tanto Moisés Rodríguez como Horst Hardiek coincidiron no seu anceio de completar nos vindeiros meses este proceso que culminará coa sinatura deste acordo de irmandade propiciando o establecemento de intercambios entre ambas localidades.
O tenente Alcalde de Versmold agasallou ao rexedor tudense entregándolle unha lámina con diversos motivos alusivos á cidade xermana namentres que o Alcalde de Tui entregoulle unha lámina cunha vista aérea do noso conxunto histórico.
Moisés Rodríguez agradeceu o interese do edil de Versmold por coñecer a nosa localidade e promover este acordo de irmandade que selará unha relación entre Tui e Versmold que a través do mundo da emigración leva xa moitos anos de existencia e que agora terá unha máis ampla dimensión.
Sem comentários:
Enviar um comentário