sexta-feira, 10 de agosto de 2012

Mañá comeza en Tui o curso “Tamara Brooks” de Dirección Coral


Dende mañá venres, 10 de agosto, e ata o próximo martes día 15 se vai impartir en Tui o 23º Curso “Tamara Brooks” de Dirección Coral organizado por Camerata Ad Libitum coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Tui.
Este curso, que ten unha longa traxectoria, celébrase dende 2010 en Tui. Este ano está dedicado á figura da norteamericana Tamara Brooks, intérprete e profesora de dirección coral que dende 2007 participaba neste curso, e que faleceu hai uns meses.
A actividade formativa do curso desenvolverase nas disciplinas de Dirección Coral, Canto e Técnica Vocal, Coro Piloto e Canto Común. As clases son impartidas polos profesores Kevin Smith, Carmen Solís, Rasa Jakutyte-Biveiniene e Julio Domínguez nas instalacións do Seminario Menor de Tui. 
De forma paralela organízanse unha serie de concertos. Mañá venres, en coprodución con Música no Claustro ofrecerá un concerto o coro valisoletano Álterum Cor ás 21h no Claustro da Catedral. Por outra parte o próximo martes, 14 de agosto, as 21h na Igrexa de San Domingo haberá un concerto de voz e guitarra a cargo de Paloma Suanzes. E por último o mércores 15 ás 19h tamén na Igrexa de Santo Domingo celebrarase o concerto de Clausura do Curso de Dirección Coral. Neste concerto intervirán amais dos alumnos e profesores deste ano, ex alumnos e ex profesores doutras edicións que foron convidados para a ocasión. Interpretarán un programa de  música deseñado especialmente incluíndo obras e compositores favoritos de Tamara Brooks como homenaxe a esta intérprete falecida recentemente.

Sem comentários:

Enviar um comentário