Mañá venres, 10 de agosto, ás 20h será inaugurada a nova Oficina Municipal de Turismo de Tui que se emprazará na Sala Arcebispo Lago do Museo Diocesano. O acto será presidido polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a secretaria xeral para o Turismo, Carme Pardo, o presidente do Padroado de Turismo Rías Baixas e vicepresidente da Deputación, José Manuel Figueroa, xunto á concelleira de Turismo, Raquel Lorenzo, membros da corporación e outra autoridades.
As novas instalación van supor unha mellora moi importante na atención aos turistas que se achegan á cidade, xa que se contará cun espazo máis amplo que a actual caseta do Paseo da Corredoira. Isto permitirá por unha banda contar con maior espazo para a colocación de folletos, o que redundará nunha mellor ordenación dos mesmos, e tamén na posibilidade de que os turistas os poidan coller directamente sen ter agardar colas. Por outra parte estas instalacións, moito máis axeitadas que as actuais, redundarán nunha atención máis cómoda tanto para as informadoras como para os propios turistas.
Ao tempo o cambio de emprazamento da Oficina Municipal de Turismo transmitirá unha imaxe máis positiva de Tui, xa que contar cun edificio permanente aporta calidade ao destino e posiciona a Tui como destino de primeiro orde. Desde xeito o municipio convértese nun dos poucos concellos do seu tamaño que conta cunha Oficina Municipal de Turismo nun edificio, o que aporta unha idea de destino turístico consolidado.
A Oficina Municipal de Turismo abrirá as súas portas de luns a venres de 10 a 20h e os sábados, domingos e festivos de 10.30h a 14.30 e de 15.30h a 19.30h. É atendida por dúas técnicas de Turismo que facilitan información aos visitantes dos principais puntos de interese como o Conxunto Histórico, o Parque Natural do Monte Aloia, as rutas a realizar, os establecementos de hostalería e restauración que existen, entre outros datos. Tamén son moitos os peregrinos que se achegan ata este punto de información interesándose por onde selar a credencial ou polas distintas etapas do Camiño e os albergues existentes.
A concelleira de Turismo de Tui, Raquel Lorenzo, amosa a súa satisfacción pola inmediata apertura da nova oficina de Turismo, o que redundará nunha mellor calidade do servizo que se presta. Explica amais que a nova Oficina estará convenientemente sinalizada, e haberá amais un punto de información con paneis informativos e un mapa da cidade na Praza da Inmaculada.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, sinala que coa apertura da nova Oficina este venres cúmprese un dos obxectivos marcados polo seu goberno. Engade o mandatario tudense que deste xeito continuase a liña de traballo iniciada nunha clara aposta pola potenciación de Tui como “destino turístico”. Coa nova oficina, engade o rexedor, prodúcese unha importante mellora cualitativa na atención turística que se presta na cidade.
Sem comentários:
Enviar um comentário