O vindeiro 19 de maio do 2012 terá lugar unha nova edición da Andaina Tudense, organizada polo Club Deportivo Andatui-Regodepedra, coa colaboración co Concello de Tui.
A novena edición, presentada a semana pasada, enlazará o río Miño co P.N. do Monte Aloia. Sairá do Centro Interfederado cara a ponte do río Louro para logo continuar pola ribeira do mesmo ata a ponte das Febres, por onde transcorrerá polo Camiño Portugués para despois chegar a Cova da Trapa (segunda cova granítica mais importante de Europa). A andaina continuará cara ao Aloia, onde está previsto o xantar ás 14h a carón de San Xián. Pola tarde percorrerase parte da muralla que rodea o Monte Aloia e baixará pola senda botánica, Rego de Pedra, muíños do Tripes para no treito final cruzar o conxunto histórico tudense e volver de novo ao punto de partida. Xa no Centro Interfederado farase a tradicional carreira de aros e outros xogos populares mentres se asaran chourizos, contando coa animación dun gaiteiro tudense.
Dende o Club Deportivo Andatui-Regodepedra animan a todos os tudenses a participar nesta andaina, para gozar e coñecer un pouco máis o P.N. do Monte Aloia, marcando cada un o seu ritmo.
O prezo da participación na Andaina Tudense será de 10€ por persoa, dos que 3€ serán doados ao Colexio San Xerome Emiliani.
Pódese ampliar esta información e realizar a inscrición en www.andainatudense.blogspot.com
Sem comentários:
Enviar um comentário