quarta-feira, 21 de março de 2012

O VINDEIRO DOMINGO 25 DE MARZO A CATEDRAL ACOLLE O PREGÓN DA SEMANA SANTA TUDENSE


A Asociación de Amigos da Catedral de Tui, xuntamente coa “Hermandad del Dulce Nombre de Jesús y Santa Casa de Misericordia”, impulsan unha nova iniciativa para a promoción e valorización da Semana Santa tudense. E así como anuncio e apertura dos actos litúrxicos destas tradicionais celebracións tudenses este ano se suma a novidade da celebración do “pregón” desta efeméride, que nesta primeira ocasión correrá a cargo da profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Marta Cendón Fernández.
A lectura deste pregón terá lugar o vindeiro domingo 25 de marzo ás 18,00 horas na Santa Igrexa Catedral de Tui e, de seguido, haberá un pequeno concerto de violín a cargo das tudenses, Sara e Raquel Areal Martínez, que a pesares da súa xuventude posúen xa unha prestixiosa traxectoria musical.
O propósito das entidades organizadoras é contribuír á promocións dos actos litúrxicos e, nomeadamente, as procesións e outros elementos que identifican, dende hai séculos, a Semana Santa tudense. Estes actos reúnen xuntos aos desfiles procesionais outros elementos paralitúrxicos ou parateatrais de fonda tradición na nosa cidade, como é a horta das Oliveiras ou os sermóns do Encontro e o Desencravo. Certamente estes aspectos resultan os máis singulares da Semana Santa tudense que unidos aos desfiles procesionais, onde saen singulares tallas -salientando a popular Dolorosa de Agustín Querol- e ao excepcional marco destes cortexos polas vellas rúas do conxunto histórico converten á Semana Santa tudense nun excepcional acontecemento que une fe, arte e cultura.
A fundamental dimensión relixiosa destas tradicións da Semana Santa non reduce as súas dimensións culturais e mesmo turísticas que posúen estas seculares costumes que cómpre conservar como testemuña dunha historia e como identificadoras da vida da nosa cidade. 
Marta Cendón Fernández (Tui, 1966) é na actualidade profesora titular de Historia da Arte na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, sendo a Catedral tudense un dos principais temas dos seus estudos e investigacións. Posúe un amplo conxunto de publicacións que acreditan a súa capacidade. Foi pregoeira das Festas de San Telmo no ano 2002, membro do Consello de Fábrica na Catedral de Tui e Vice-presidente o Instituto de Estudios Tudenses dende o ano 2007.

Sem comentários:

Enviar um comentário