segunda-feira, 26 de março de 2012

VICTOR KOSSAKOVSKY CONQUISTA PLAY-DOC



Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui tivo a honra de presentar onte á noite Vivan las Antípodas!, do multipremiado autor ruso Victor Kossakovsky. O director encheu a sala cun discurso que enfeitizou os tudenses. “Hai catro anos vin localizar aquí a Tui, aínda que finalmente decidimos rodar en España preto de Madrid, debido á paisaxe que nos proporcionaba a súa antípoda exacta en Nova Zelandia”, explicou o realizador na presentación do filme, galardoado en prestixiosos festivais internacionais coma o de Karlovy Vary ou Dok Leipzig.
A película é un calidoscopio do planeta Terra a partires de catro pares de antípodas (Arxentina e China, España e Nova Zelandia, Chile e Rusia, Botswana e Hawai), cunha potente carga estética.
Play-Doc mostrará hoxe dúas pezas máis da súa sección oficial, Mirage e Yatasto, antes de anunciar o gañador desta edición ás 22.30 horas. O festival pecha mañá con máis contidos, entre os que destaca a presentación de 'O retrato filmado'. Iniciativa que leva activa xa catro anos baixo a batuta de Marta Andreu, coordinadora académica do Máster en Creación Documental da Universidade Pompeu Fabra; retrata o día a día de varios habitantes de Tui, que son gravados por novos realizadores estes días para presentar ao final de cada edición curtas sobre estas persoas.
Este obradoiro formativo para cineastas concluirá o ano próximo, dando despois lugar a un filme no que quedará patente o paso do tempo sobre os personaxes tudenses retratados. Outras sesións interesantes na última xornada de Play-Doc son as que pechan os ciclos dedicados a Artavazd Pelechian e Ross McElwee, cineastas aos que o festival rende homenaxe este ano.
Máis información en www.play-doc.com

Sem comentários:

Enviar um comentário