O realizador norteamericano Ross McElwee logrou atraer onte a varios centos de espectadores ao teatro municipal de Tui, na presentación do seu filme Photographic Memory, que inaugurou Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, cita que se estende ata o vindeiro domingo 25 de marzo. Exploración das relacións paterno-filiais, a película chega avalada polo seu percorrido por certames referenciais, coma o de Venecia. Para presentar os filmes, McElwee estará acompañado polo seu fillo Adrian, que sae en boa parte da filmografía do seu pai.
Mañá os espectadores poderán precisamente ver nacer a Adrian en Time Indefinite, unha das cintas máis dolorosas de rematar para Ross McElwee, na que trata a morte do seu pai e péchaa co nacemento do seu fillo, reflexionando sobre o ciclo da vida. Todos estes momentos están documentados en tomas familiares polo director, que semella vivir cunha cámara pegada ao brazo.
“Esaxero un pouco esta sensación de que estou sempre a gravar”, admite. E sobre a maneira de seleccionar o material, engade: “Calculo que só teño un arquivo do 1,5% da miña vida, mais aínda así é un o suficientemente amplo como para poder practicar nel xeoloxía. Escarvo na procura das capas adecuadas para cada filme”.
A xornada pechará con Charleen, peza de graduación do autor, na que realiza un retrato dunha amiga súa, profesora que aplica métodos pedagóxicos tan singulares como ela mesma. McElwee síntese atraido pola súa personalidade desbordante, e aparece así en moitos dos seus filmes, como en Sherman's March, que se poderá ver esta noite. Galardoada co Gran Premio do Xurado de Sundance en 1987, nela fainos partícipes da procura dunha nova moza logo dunha ruptura sentimental. Diario íntimo tratado con moito humor, considérase que define as constantes do cineasta. “Non creo que os meus filmes sexan diarios filmados estritamente porque porque non fago un rexistro continuado, e se cadra si se parecen máis a ensaios, pero tampouco son exactamente iso”, explica. E engade coma se non fose con el: “Ninguén pareceu dar co termo adecuado para describilos, pero non me importa; eu dedícome a facelos, e son outros os que teñan que analizalos”.
Mañá será claramente a súa xornada no festival, pois ás 17.30 horas está programada unha charla co público na sala de prensa do teatro municipal, na que os espectadores poderán facerlle as preguntas que desexen sobre a súa obra.
Exhibición e formación
Mais o festival tamén se caracteriza polos seus obradoiros formativos para cineastas. A iniciativa 'Docs in Progress' xuntou varios novos realizadores nunha casa rural para que discutisen xuntos as súas películas en fase de montaxe. Desa experiencia saíron novas versións máis refinadas dos filmes. Marta Andreu, responsable do proxecto, produtora cinematográfica e coordinadora académica do Máster en Documental de Creación da Universidade Pompeu Fabra; presentará mañá os trinta primeiros minutos de Salomé, de Yrsa Roca Fannberg, para explicar como funciona esta actividade de formación extra-académica. Acompañarana a directora do filme e outros participantes do obradoiro, que atenderán as preguntas do público nun posterior coloquio.
Os autores do obradoiro comparten sesión coas curtas do galego Ángel Santos, Pantasmas#1 e Fantasmas#2, diarios filmados de corte experimental sobre recordos da súa infancia. A xornada tamén estará marcada pola presentación de Vivan las Antípodas!, do reputado Victor Kossakovsky.
O filme é unha exploración visual moi esteticista de paisaxes antagónicas de todo o globo terráqueo.
Completa a xornada de mañá a primeira sesión dedicada ao cinema de Artavazd Pelechian, de quen Play-Doc mostrará a súa obra oficial completa nesta edición. O armenio está considerado unha lenda vida do cinema soviético experimental.
Máis información en www.play-doc.com
Sem comentários:
Enviar um comentário