O padeeiro tudense Manuel Garrido foi designado polo Concello de Tui para realizar o pregón das festas de San Telmo 2012 nun acto solemne que terá lugar na tarde do vindeiro sábado 7 de abril de 2012 e que abre o programa das festas patronais na honra de San Telmo. Así xa o manifestara o Alcalde tudense ao deportista da nosa cidade no acto de homenaxe celebrado en recoñecemento ao seu título de campión do mundo de maratón acadado en Singapur no pasado mes de outubro.
Con esta designación o Concello de Tui quere recoñecer o impresionante palmarés deste deportista tudense e na súa persoa ofrecer un recoñecemento a todos os padeeiros e remeiros tudenses que con seu esforzo teñen levado o nome de Tui polo mundo adiante e teñen contribuído de xeito notable á vida social tudense promovendo os valores do esforzo, da colaboración, etc.
Manuel Garrido Barbosa naceu en Tui o 18 de decembro de 1988 e comezou a practica do piragüismo gracias aos cursos de verán que imparte o Club Kayak Tudense en colaboración co Concello de Tui. Dende o ano 2001 forma parte do Club Kayak Tudense e axiña. aos catro anos, ingresou tamén na selección española, formando parte do equipo nacional nos anos 2005, 2006, 2009, 2010 e 2011.
Con tan só 16 anos participou por vez primeira nun Campionato do Mundo en Australia, acadando un meritorio quinto posto, abrindo camiño a un impresionante palmarés no que salientan os seguintes premios:
• Tres veces campión do mundo de maratón na categoría Sub 23 en 2009, 2010 e 2011, e campión de Europa de maratón na mesma categoría.
• 16 medallas en Campionatos galegos.
• 12 medallas en Campionatos de España.
No pasado mes de decembro de 2011 a Real Federación Española de Piragüismo concedeulle en Aranjuez na Gala Nacional de Piragüismo o premio á Mellor Promesa Masculina.
O Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, agradece a Manuel Garrido ter aceptado este nomeamento para convocar a tudenses e visitantes á celebración das tradicionais festas de San Pedro González Telmo, declaradas de interese turístico galego nun acto solemne a celebrar no Teatro Municipal.
Sem comentários:
Enviar um comentário