Do 7 ao 16 de abril celébranse en Tui as Festas na honra a San Telmo declaradas de interese turístico galego. Estas festas foron presentadas esta maña polo alcalde, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, e os membros da comisión de festas, Francisco Javier Rodríguez Adelino, presidente; Baltasar Fernández González, vicepresidente; Mª del Carmen Ucha Fernández, secretaria; Luís Conde Álvarez, tesoreiro; e os vogais Jose Mª Nodar Diz e Nieves Silva Novás.
As festas presentarán como principal novidade a recuperación dos tradicionais xigantes, que hai anos que non saían nos pasarrúas e que están sendo restaurados na actualidade. Así o explicaba a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, engadindo que a nova comisión asume o reto de organizar os festexos con “ilusión e gañas”. Destacaba amais que se organizaron nun tempo record . O obxectivo dicía é que as festas “volvan ser grandes e vaian a máis”.
Pola súa parte o presidente da comisión, Francisco Javier Rodríguez, explicaba que as principais novidades son dúas homenaxes, unha ao pintor Lis, recentemente falecido, que tiña deseñado as portadas de varios libros das festas que se recollen na deste ano, e por outra parte unha homenaxe ao escultor Juan Oliveira, coincidindo co décimo aniversario do seu pasamento.
Salientou por outra parte entre as principais orquestras que actuarán nas verbenas a tudense Tráfico, xunto a París de Noia e Sintonía de Vigo. Haberá carreira popular de San Telmo, festa gastronómica, e unha ampla oferta deportiva con motocross, baloncesto, tenis, xadrez,... Haberá tamén un encontro de artesanía, e exhibicións de cetrería, canina a cargo da Garda Civil e da Armanda, así como a semana de cine, karaoke que pasa aos venres, entre outras actividades. O orzamento total ascende a 72 mil euros. O pregoeiro cómo xa se anunciou será o padeeiro Manuel Garrido.
Por último o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, avanzou que por vez primeira este ano na procesión de San Telmo, e dentro da colaboración da Eurocidade, tamén acudirán a imaxe de San Teotonio, o patrón de Valença.
Tamén está confirmada neste acto procesional a presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, xunto a outras autoridades.
Moisés Rodríguez felicitou á Comisión de Festas polo seu traballo, e agradeceu a colaboración do comercio local e das institucións. Por última pedía comprensión aos veciños polas molestias que poden xerar as festas e indicaba que a comisión está traballando arreo para buscar o equilibrio entre as festas e o dereito ao descanso.
Sem comentários:
Enviar um comentário