Esta mañá presentouse a nova edición do festival Play-Doc, que dá comezo este mércores e se estende ata o domingo. Os seus directores, Ángel Sánchez e Sara García, explicaron as liñas esenciais do certame, acompañados do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Juan Carlos Rodríguez Fasero; e do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez. Para Fasero, este é“un festival que correu moi rápido, que está consolidado como se fose pola súa vixésima edición”.
Pola súa banda, o rexedor municipal explicou que “Play-Doc dá imaxe de cidade moderna e activa”. Recordou que a marca é moi identificable con Tui, e que iso “tamén achega turismo”, polo que apostar polo festival supón “un investimento rendible”, na súa opinión.
Os directores do festival, Ángel Sánchez e Sara García, quixeron resaltar o compromiso do certame por “un cinema tan periférico e de difícil acceso como esencial”. Son os casos das obras dos cineastas Ross McElwee e Artavazd Pelechian. O primeiro virá acompañado do seu fillo para presentar Photographic Memory, na que reflexiona precisamente sobre as relacións paterno-filiais.
McElwee está considerado un dos pais do documental autobiográfico contemporáneo nos EUA. O festival pasará os seus sete filmes máis representativos, entre eles Sherman's March, premiado no prestixioso festival de Sundance en 1987. Pola súa banda, o armenio Artavazd Pelechian, lenda viva do cinema soviético experimental, mostrará ao público a súa filmografía completa.
Play-Doc defínese tamén pola súa coidada sección oficial, na que cinco filmes competirán por un galardón de 5.000 euros. Na selección combínanse grandes nomes como Ben Rivers ou Victor Kossakovsky con novas promesas como Srdan Keca ou Hermes Paralluelo, que con Yatasto levou o premio da crítica na Viennale. A representante galega na sección é Vikingland, de Xurxo Chirro; un retrato da nosa diáspora a través dos ollos dun mariño mercante guardés. Play-Doc non se esquece do cinema do país, dedicándolle un espazo propio no que poderán descubrirse os últimos traballos de Sandra Sánchez, Lois Patiño e Ángel Santos.
É xa tradicional dende a primeira edición o concerto acompañado dun documental sobre a tendencia da banda convidada ou do grupo mesmo, como é o caso de Cure for Pain: A historia de Mark Sandman. O home do título capitaneou Morphine, revolucionaria banda pop dos noventa, ata a súa tráxica morte en Italia a finais da década. Trece anos despois, o grupo regresa aos escenarios coa voz de Jeremy Lyons. Darán o seu único concerto en España o sábado 24, na sala Metropol.
Sánchez e García pecharon a súa intervención recordando tamén o compromiso do festival coa formación en cinema. O obradoiro 'O retrato filmado' leva catro anos funcionando cun grupo de directores novos, que contan as vidas de varios habitantes tudenses a través de curtas que despois se exhiben no Teatro Municipal. O pasado ano sumouse unha nova iniciativa nesta liña, 'Docs in Progress', que xuntou a varios realizadores nunha casa rural para discutir o seu proceso creativo e axudalos a montar os seus filme en fase de produción. Un avance dalgúns destes traballos será presentado no festival pola responsable de ambas iniciativas, Marta Andreu, produtora de cinema e coordinadora académica do Máster en Documental de Creación da Universidade Pompeu Fabra.
As entradas para as películas poderán retirarse nas billeteiras antes de cada sesión por 2 euros. O concerto ten un prezo de dez euros. Este ano non existen bonos de desconto, mais si se pode obter unha acreditación especial con acceso gratuíto a toda a programación, apoiando o festival con achegas económicas a través da plataforma Play-Doc Support, accesible dende a web do certame.
O festival quixo ademais agradecer a colaboración e apoio da Xunta de Galicia, a AGADIC, o Consorcio Audiovisual de Galicia, o concello de Tui e outros patrocinadores.
Sem comentários:
Enviar um comentário