terça-feira, 20 de março de 2012

ESTE VENRES PRESENTACIÓN DA EDICIÓN EN INTERNET DA OBRA DE FILÓSOFO TUDENSE FRANCISCO SÁNCHEZ

Este venres, 23 de marzo, ás 19,00 horas será presentada no Salón de Plenos da Casa do Concello a edición en internet da obra do médico e filósofo tudense Francisco Sánchez (Tui, 1550 – Toulouse, 1623) nunha acto organizado pola Fundación Ignacio Larramendi coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Tui. 
No decurso deste acto de presentación intervirán: o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, o presidente da Fundación Mapfre, Alberto Manzano Martos, o vicepresidente Executivo da Fundación Ignacio Larramendi, Luis Hernando de Larramendi, e o director de proxectos da Fundación Ignacio Larramendi, Xavier Agenjo Bullón. 
Este acto coincide coa celebración na nosa cidade dunha xuntanza conxunta dos Consellos Territoriais de Madrid e do Noroeste de Mapfre.
Esta iniciativa da Fundación Ignacio Larramendi, coa colaboración neste caso da Fundación Mapfre, pretende dar a máxima visibilidade posible, tanto á obra do sabio tudense coma as relacións que mantivo cos seus predecesores e cos seus contemporáneos e a repercusión, verdadeiramente formidable, das súas ideas pero que, como en tantos outros casos, son escasamente coñecidas na filosofía da modernidade e polo público en xeral.
Para dar relevancia a súa obra e traxectoria a través da rede de redes, baixo a dirección de DIGIBIS S.L., e coa inestimable colaboración da Fundación Mapfre, se ten creado a “Biblioteca virtual Francisco Sánchez”, onde se teñen empregado para a creación deste sitio as técnicas máis avanzadas de datos abertos enlazados (LOD pola súas siglas en inglés) que permiten a navegación entre autores, conceptos, etc.
Francisco Sánchez foi un médico e filósofo do século XVI cuxa aportación á Filosofía resulta cada día máis relevante, dende o punto de vista da crítica. Se inscribe dentro da liña de pensamento do pesimismo e escepticismo radical, de aí provén o seu sobre nome de “O escéptico”.
Francisco Sánchez naceu en Tui en 1550 e, aínda que bautizado na cidade de Braga, sempre se considerou tudense: Ego Franciscus Sanctius, hispanus, natus in civitate Tudensis”. Nesta cidade residiu na súa infancia pois o seu pai o médico Antonio Sánchez é contratado polo Cabido tudense en 1558. Dada a súa ascendencia xudía a familia tivo de emigrar cara Burdeos aos poucos anos e alí comeza a súa formación. Será en Toulouse onde finalmente Francisco Sánchez acade unha praza na súa Universidade. En 1581 se publica o seu libro Quod nihil scitur, unha obra clave na filosofía moderna, Amais unha das principais características do seu pensamento, moitas veces esquecida, é o feito de que Francisco Sánchez foi o primeiro en empregar o concepto de “método científico”.
Para o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a celebración desta presentación é a culminación dun ilusionante proxecto que este Concello de Tui animou dende o ano 2006, coa celebración dunhas xornadas dedicadas a este egrexio tudense, e que contribuirá de xeito excepcional a revitalizar o coñecemento da obra e da traxectoria dunha das personalidades máis relevantes da nosa historia. Agradece especialmente o interese con que a Fundación Ignacio Larramendi, e nomeadamente o seu vicepresidente D. Luis Hernando de Larramendi, e a Fundación Mapfre puxeron neste proxecto. 
A historia e o patrimonio tudense, sinala o rexedor, non está conformado unicamente polos edificios que integran o noso conxunto histórico senón que se enriquece coas biografías de tantos e tantos tudense que realizaron importantes achegas á vida colectiva e, entre estes nomes, a figura do médico e filósofo Francisco Sánchez ocupa un lugar preeminente que con este proxecto que agora se presenta gozará de maior relevancia e recoñecemento.
Como complemento, dende o pasado luns na zona anexo da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui se exhibe unha pequena exposición que recolle os principais fitos da traxectoria e das obras do médico e filósofo tudense preparada pola Concellería de Cultura tudense. 
Web site de Francisco Sánchez na páxina da Fundación Ignacio Larramendi
http://www.larramendi.es/francisco_sanchez/i18n/micrositios/inicio.cmd
Máis información sobre Francisco Sánchez
http://tudensia.blogspot.com.es/2008/09/francisco-snchez-o-tudense.html

Sem comentários:

Enviar um comentário