sexta-feira, 16 de março de 2012

R E PLAY-DOC LEVARÁN O FESTIVAL TAMÉN Á PEQUENA PANTALLA


R e Play-Doc veñen de acordar que parte dos contidos presentados no Festival Internacional de  Documentais de Tui se emitan tamén na televisión dixital do operador galego de comunicacións por fibra óptica.
Deste xeito, unha selección dos filmes máis importantes que pasarán polo festival, así como a obra de grandes realizadores aos que Play-Doc dedicou amplas retrospectivas, exhibiranse no catálogo do vídeo baixo demanda de R.
Grazas a esta colaboración entre R e Play-Doc, máis de 95.000 fogares terán acceso a contidos de calidade que chegan a Galicia da man dunha das máis importantes citas do audiovisual na nosa comunidade. Unha boa oportunidade para descubrir grandes obras que habitualmente non teñen cabida nos espazos comerciais e aos que é difícil acceder fóra do circuíto de festivais.
Contidos á carta
Unha vez rematada a oitava edición do Festival Internacional de Documentais de Tui, parte da programación de Play-Doc poderá verse na televisión de R. O espectador terá a posibilidade de reproducir os contidos comodamente, cando desexe e como se estivese ante un vídeo ou DVD. É dicir, pódese parar a reprodución, rebobinar ou avanzar na súa emisión, volver ao comezo, etc.
Ademais, a través do vídeo baixo demanda de R tamén se ofrecerá información completa de cada un dos contidos, como a sinopse ou a ficha técnica.
Estes documentais uniranse aos demais contidos audiovisuais xa dispoñibles no catálogo de televisión de R, como filmes de ficción (clásicos e de estrea), música, programas infantís, series…
Cando a plataforma de vídeo baixo demanda de R estea a pleno rendemento, alcanzaranse as 1.000 horas mensuais de contidos dispoñibles, que se irán renovando periodicamente.
Segundo a organización de Play-Doc, esta é unha oportunidade única para dar un maior acceso e visibilidade a algunhas das mellores obras presentadas no certame ao longo destes 8 anos, e tamén a unha serie de filmes que por cuestións de espazo quedan cada ano fóra da programación do festival.
Así, aqueles que non poidan achegarse ata Tui a Play-Doc, terán agora a oportunidade de ver tamén dende as súas casas o mellor da programación do festival tudense.

Sem comentários:

Enviar um comentário