Na Casa do Concello tudense tivo lugar está mañá unha rolda de presa para a presentación de “Fitui 2012: exposición filatélica e de coleccionismo galaico-portugues” a celebrar na nosa cidade coincidindo coas vindeiras festas de San Telmo. Estiveron presentes o Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, xunto ao Presidente e Vice-Presidente do Grupo Filatélico e Numismático de Tui, José Manuel González Troncoso e Xabier Añoveros e Trias de Bés, respectivamente.
Na súa intervención o Presidente da agrupación filatélica lembrou que esta mostra conmemora o 50 aniversario da fundación e actividade do Grupo Filatélico e Numismático de Tui, unha dilatada traxectoria de promoción do coleccionismo. Fitui 2012 está dedicada exclusivamente a coleccionistas locais. Serán máis de vinte coleccións e non exclusivamente filatélicas senón de variada temática. Anunciou tamén que será a última exposición na que participe como Presidente deste colectivo, pois logo dun prolongado mandato considera necesario un relevo. Finalmente congratulouse e agradeceu que ás SS MM os Reis de España teñan aceptado a presidencia de honra desta exposición, circunstancia que é un motivo de satisfacción para todos.
A continuación, Xabier Añoveros, como Vicepresidente, comentou que neste medio século de existencia o Grupo Filatélico ten realizado máis de 40 exposicións coas súas correspondentes marcas postais, que teñen levado o nome da cidade de Tui por todo o mundo. Lembrou tamén as xestións deste grupo para lograr a edición de dous selos dedicados a Tui (coa Catedral e a Ponte Internacional) onde tivo un especial papel Alberto Núñez Feijoo, daquela responsable de Correos. Finalmente, anunciou a intención deste grupo de promover a edición dun terceiro selo postal sobre Tui.
Por último, o Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, felicitou a o Grupo Numismático e Filatélico tudense por este aniversario que acredita unha fecunda traxectoria e que testemuña a súa paixón polo coleccionismo, especialmente filatélico. Agradeceu o seu traballo a prol da nosa cidade e da súa actividade cultural á que teñen enriquecido coa súa achega
Sem comentários:
Enviar um comentário