quarta-feira, 26 de setembro de 2012

10ª Andaina Eurocidade 2012 – PRG 19


O domingo 30 de setembro ás 09.00 horas españolas
O próximo domingo 30 realizarase a décima Andaina Saudable Eurocidade 2012, “GPR 19”, organizada pola Eurocidade Valença – Tui.
O punto de encontro será o Centro Interfederado de Tui (na baixada ao Parador de Tui), ás 09.00 horas (españolas). O percorrido terá unha duración de aproximadamente 4 horas e o grao de dificultade é medio.
Breve descrición:
O PRG 19  ten o seu qm 0 na antiga Ponte Internacional da cidade de Tui, aínda que a saída da andaina será dende o Centro Interfederado, trátase dunha rota circular que nos leva río Miño arriba  polo camiño de pescadores ata a parroquia de Caldelas para retornar polo interior do val a través de Baldráns e Paramos.
Ao seu paso pola cidade de Tui seguimos a pegadas do Camiño Xacobeo a Santiago ata chegar á ponte románica sobre o río Louro. Dende alí trazamos unha liña que atravesa a Veiga do Louro entre campos de millo e vides para retomar a beira do río Miño nunha senda por veces sinuosa e estreita que alterna con sombreadas pistas de bo firme, sempre da man do Miño e acompañados polo frescor da fraga.
A Ribeira de Caldelas, fronte ao centenario Balneario de Augas Termais, recíbenos cun frondoso arboredo, mesas de pedra  e unha magnífica vista do río Miño. Pode considerarse a metade do camiño. A rota cambia de sentido e retornamos cara Tui entre piñeiros e pequenos núcleos de poboación sen deixar de  visitar  o Muíño do Fuchaco, un exemplo valiosísimo de restauración e conservación do patrimonio etnográfico galego.
Esta andaina forma parte tamén das actividades das “Xornadas Europeas de Patrimonio” que nos inicios de outono celebran máis de trinta países de Europa, celebración á que o Concello tudense se une nos últimos anos e que neste ano en España están dedicadas ao tema “Arquitectura e paisaxe rural”, elementos que poderemos contemplar ao longo do percorrido desta andaina.

Sem comentários:

Enviar um comentário