segunda-feira, 24 de setembro de 2012

O MERCORES A REDE CEDIM ORGANIZA EN TUI UN “FORO DA IGUALDADE”


O Concello de Tui está a colaborar coa Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia no desenvolvemento do proxecto CEDIM, Rede Transfronteiriza de Centros de Dinamización Integral para as Mulleres na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Este proxecto europeo está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional a través do Programa de Cooperación Transfronteiriza entre España e Portugal 2007-2013.
O principal obxectivo deste proxecto diríxese a promover redes de cooperación e colaboración para impulsar políticas de igualdade no territorio raiano dunha maneira coordinada, a través dos Centros Cedim.
Dentro das accións previstas recóllese o deseño dun Plan de Dinamización Integral dos Centros da Rede, unha ferramenta esencial para orientar o funcionamento dos ditos espazos. Un dos primeiros pasos na súa elaboración é procurar a colaboración e participación das institucións e axentes clave do territorio, motivo polo cal se vai celebrar un Foro o próximo mércores 26 de setembro ás 18:30 horas na Área Panorámica de Tui, rúa Colón número 2. 
Este foro da igualdade ten como obxectivo ser un espazo de encontro onde institucións, entidades e cidadanía formulen necesidades e propostas dirixidas a aproveitar sinerxías e a crear redes de colaboración que nos permitan promover a igualdade, mellorar a calidade de vida e dinamizar social e laboralmente as mulleres do territorio.
Para a concelleira de servizos sociais e muller do Concello de Tui, Olga Montes Moldes, os obxectivos deste Foro aberto á participación de todas e todos os interesados son:
Poñer en común cal é a situación e necesidades das mulleres da comarca
Propoñer accións que deben desenvolverse para dar resposta a estas necesidades
Propoñer formas de traballo que potencien a colaboración entre diferentes centros, departamentos e entidades para conseguir ofrecer os mellores servizos.
Todas estas achegas xunto coas que se realizan en foros semellantes nos outros Centros Cedim, formarán parte dun Plan Conxunto que orienta o labor dos centros e que terá o nome de Plan de Dinamización dos Centros Cedim. A concelleira de Servizos Sociais do Concello de Tui, Olga Montes Moldes, anima a todos os cidadáns interesados a participar neste foro aberto ás achegas de todas e todos.

Sem comentários:

Enviar um comentário