terça-feira, 11 de setembro de 2012

A DEPUTACIÓN COLABORA CO CONCELLO PARA CULMINAR A REMODELACIÓN DO CAMPO DE FÚTBOL DE CALDELAS


O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, asinou o pasado martes, 4 de setembro, un contrato coa “Caixa de anticipos” da Deputación Provincial de Pontevedra por un importe de 117.991,56 euros que serán empregados na obra de “Remodelación do campo de fútbol de Foxo – Caldelas” para a colocación definitiva do céspede artificial neste equipamento deportivo. 
Por outra banda, a Deputación Provincial adoptou na súa Xunta de Goberno do pasado venres, 7 de setembro, o acordo de conceder ao Concello tudense a cantidade de 237.000 (que abrangue o achegado pola “Caixa de Anticipos” máis unha cantidade en concepto de subvención de 119.008,44 euros) para a culminación das obras de remodelación deste campo de fútbol de Foxo-Caldelas
En virtude do contrato coa “Caixa de Anticipos” o Concello de Tui recibirá este anticipo económico reintegrable ata en quince anualidades, sen xuro algún. Sumando esta achega á subvención concedida polo organismo provincial o Concello tudense procederá de inmediato a adxudicación destas obras que culminarán o proceso de renovación do campo de fútbol de Foxo, na parroquia de Caldelas. Deste xeito o concello de Tui disporá de tres campos de herba sintética: o existente no complexo deportivo “Alvarez Durán”, o campo da parroquia de Ribadelouro e este de Caldelas.
Moisés Rodríguez Pérez, alcalde de Tui, amosa a súa satisfacción por este acordo da Deputación Provincial de Pontevedra que desbloquea a culminación deste equipamento deportivo, deixando patente o traballo que o goberno municipal tudense ven desenvolvendo para finalización das obras deste campo de fútbol que veñen demorando en demasía. Estas decisións son froito dun alongado traballo do que eran coñecedores os sectores afectados. Engade o alcalde que a oposición municipal sabedora destas xestións inmediatas tentou converter nun problema o que xa estaba en vías de resolución, optando pola demagoxia en lugar de traballar xuntamente co goberno municipal na resolución do problema.

Sem comentários:

Enviar um comentário