A próxima semana, do luns 10 ao sábado 15, vaise celebrar en Tui e en Valença o 12º Simposio Internacional de Pseudokarst organizado pola Comisión do Pseudokarst da Unión Internacional de Espeleoloxía, o Club Espeleolóxico Maúxo de Vigo e o Instituto Universitario de Xeoloxía da Universidade da Coruña.
Foi presentado esta mañá no Concello polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, e Marcos Vaqueiro, comisario do congreso, Tereixa Otero, Ángel de Prado e Xabier Groba, voceiros e membros do Club Maúxo.
Xabier Groba foi o primeiro en tomar a palabra dando ás grazas ao Concello de Tui polo apoio institucional e a axuda prestada para a celebración deste simposio en Tui, un agradecemento que fixo extensivo tamén á Cámara Municipal de Valença do Minho. Destacou amais que é a primeira vez que este Simposio Internacional se celebra en España, no que se dan cita especialistas no estudo das covas en granito e noutras rochas non solubles, é dicir pseudocásticas.
Pola súa parte Marcos Vaqueiro, comisario do Congreso, deu conta de que neste simposio van estar representados 10 países, a meirande parte europeos pero tamén Brasil, pertencentes a oito universidades e centros de investigación. A día de hoxe contan con 42 preinscritos e exporanse un total de 16 comunicacións científicas. O motivo para elixir Tui como sede deste congreso está por unha banda pola existencia na cidade da Cova da Trapa, a segunda máis grande de Europa en rochas graníticas, pero tamén por existir na contorna outra covas que serán visitadas polos especialistas como a do Folón en Vigo que é a cuarta máis grande de Europa, ou a da Furna en Boivao en Valença.
O programa previsto comezará o próximo luns día 10 coa visita por parte dos especialistas ás furnas da costa da illa de Ons. O martes 11 achegaranse ás covas arqueolóxicas de Cacheiras na Serra do Galiñeiro onde visitarán a Cova da Moura que ten un xacemento prehistórico, e outra cova con xénese parecida á da Trapa. O mércores o día estará centrado na presentación das comunicacións técnicas que xirarán entorno á datación, espeleotemas, ADN fósil, xénese e evolución das covas e nos valores asociados ás propias covas tanto no patrimonio arqueolóxico, natural, biodiversidade e patrimonio inmaterial. Tamén terán un taller sobre espeleotemas, para o que terán microscópicos estereoscopicos, no que os participantes coñecerán as últimas innovacións no proceso de análise. O xoves 13 visitarán as covas do Folón con 904 metros de galerías e da ría de Vigo e Costa Atlántica, Cabo Silleiro e a desembocadura do Miño onde falarán da evolución da paisaxe.
O venres o simposio centrarase na Cova da Trapa aquí en Tui que ten gran valor tanto polo seu tamaño, teñen topografados máis de 1.500 metros, como polas formacións e biodiversidade asociada á mesma. A súa evolución comezou hai máis de 37 millóns de anos.
Pecharán as xornadas en Boivao en Valença na cova do Castelo das Furnas que conta con 30 metros de desenvolvemento vertical. O Simposio contempla tamén visitas ao conxunto histórico de Tui, a Valença, ou a unha adega.
Explicaba Marcos Vaqueiro, que estas covas forman parte de dous estudos. Un é un proxecto de detección de vida noutros planetas e a instalación de bases, para o que xa estiveron na Trapa científicos da Nasa e de Eslovaquia, e o outro céntrase na evolución do cuaternario a nivel climático para coñecer como evolucionaron as paisaxes o clima para saber cómo vai evolucionar no futuro.
Por último o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, amosaba o seu agradecemento porque Tui se vai converter no epicentro do simposio. Ao tempo que puña de relevancia os elementos comúns que tamén neste tipo de cova ten a Eurocidade.Destacaba amais que Tui ten moitos tesouros á vista, pero tamén outros para a comunidade científica internacional.
Na rolda de prensa desta mañá expúxose tamén a perigosidade que pode revestir ao acceso á Cova da Trapa para aquelas persoas que non teñan coñecemento en espeleoloxía, polo que non recomendan a súa visita aos afecionados polo risco que pode supor. Se alguén está moi interesado aconsellan pórse en contacto cos clubs espeleolóxicos da zona para aprender cando menos unhas nocións básicas de espeleoloxía.
Sem comentários:
Enviar um comentário