terça-feira, 25 de setembro de 2012

O CONCELLO DE TUI PROMOVE O PROGRAMA “CAMBIO DE SENTIDO” PARA OS FUTUROS CONDUTORES


O Servizo de Prevención de drogodependencias oferta este programa ás autoescolas da localidade
O Servizo de Prevención en drogodependencias e outras condutas aditivas da Concellería de Servizos Sociais do Concello de Tui, que dirixe a concelleira Olga Montes Moldes, promove o programa “Cambio de sentido” que oferta a todas as autoescolas radicadas na nosa localidade. Mediante este programa, destinado aos mozos e mozas de entre 16 e 25 anos que están sacando o permiso de conducir, preténdese evitar o consumo de drogas e alcohol á hora de conducir un vehículo.
Para conseguir o seu obxectivo está previsto desenvolver xornadas formativas nas autoescolas nas que se abordan temas como a seguridade viaria, o alcohol e outro tipo de drogas ao volante, a ilusión de invulnerabilidade que provocan, o uso e o abuso de bebidas, a gradación destes produtos e as taxas de alcoholemia permitidas para a condución, os medicamentos e tamén a lexislación vixente na actualidade. 
É necesario incidir neste segmento de idade, sinalan no Servizo de Prevención, posto que son moi vulnerables, debido a que son condutores inexpertos, consomen elevadas cantidades de alcohol na fin de semana e teñen unha conduta desinhibida.
Os alumnos incorporados ao programa reciben un “Manual do alumno”, que contén información relevante sobre a seguridade viaria e o impacto nela do consumo de alcohol e outras drogas e un manual de peto. Tamén recibirán material informativo, específico de drogas e a súa problemática.

Sem comentários:

Enviar um comentário